Un marinense denuncia a falta de medidas hixiénicas e un parón de 6 horas no Alvia que este luns viaxaba desde Madrid a Galicia
Por Redacción
Saúl Paz Eiras é un veciño de Marín que sufría este luns 11 unha situación esperpéntica cando se subía ao tren que ía trasladalo desde Madrid ata a estación de Pontevedra. Este tren saía da estación madrileña de Chamartín ás 18.25 horas con hora prevista de chegada a Santiago de Compostela ás 22.52. Aínda non entende como o percorrido ata Pontevedra, cunha duración prevista de catro horas e media, durou preto de 12 horas.
O viaxeiro afirma que o tren se mantivo parado ao redor de seis horas entre a poboación de Puebla de Sanabria e A Gudiña, no tramo entre Zamora e Ourense. Ante esta situación, ao non atoparse detidos nunha estación ferroviaria ou preto dunha poboación, os pasaxeiros carecían da opción de conseguir alimentos ou bebidas durante a viaxe xa que a cafetería do tren se atopaba pechada.
Paz Eiras asegura, ademais, que non se cumprían as medidas hixiénico sanitarias establecidas con motivo da pandemia. Sinala que o tren se atopaba "ao tope da súa capacidade" e, por tanto, non se respectaban distancias nin protocolos de seguridade para evitar contaxios no caso de que alguén estivese infectado por covid-19.
Este pasaxeiro sinala que tampouco se ofreceu a posibilidade de que se substituísen as máscaras hixiénicas que portaban os ocupantes dos vagóns. Lembra que as autoridades sanitarias recomendan non usar a mesma máscara por un tempo superior a catro horas pero, neste caso, durante preto de 12 horas os viaxeiros, se non dispoñían doutra máscara de substitución, tiveron que utilizar a mesma coa que se subiron ao tren durante todo o traxecto.
O viaxeiro de Marín denuncia que entre as persoas que viaxaban nos vagóns non se respectaban distancias nin protocolos de seguridade
Saúl Paz chegaba a Pontevedra ao redor das 06.00 horas do martes 12. Denuncia que este atraso non se debeu á presenza de neve na vía a causa da tormenta Filomena senón ao mal funcionamento por parte da empresa ferroviaria. Alega, neste sentido, que os dous trens que fixeron esta mesma roteiro horas antes atopáronse co mesmo problema, sen que desde Renfe se estableceran medios para resolver a incidencia nin se suspendera a viaxe ante a imposibilidade de realizala ofrecendo un servizo de calidade.
Este viaxeiro presentou unha reclamación na que solicita a devolución do importe do billete que se aproxima aos 50 euros e demanda que se adopten medidas de seguridade fronte á covid-19 nestes desprazamentos. Tamén pide que se poñan ao dispor dos clientes máscaras protectoras para casos como o que sufriu con atraso na hora de chegada do mesmo xeito que alimentos e bebidas para que as persoas que viaxen poidan consumir algún produto cando se postpone notablemente a chegada á estación de destino.