AJE e a Asociación Galega de Corredores de Seguros asinan un acordo de colaboración

Por Redacción
A Asociación de Novos Empresarios de Pontevedra e a Asociación Galega de Corredores e Corredurías de Seguros (AGACOSE) subscribiron este mércores un convenio de colaboración. Os presidentes de ambas as entidades, Jesús Rey e Pablo Lariño, foron os encargados de asinar o acordo.
Con este pacto, ambas as entidades comprométense a traballar conxuntamente en actividades enfocadas a compartir experiencias, coñecemento e xerar unha rede de contactos. Ademais, unirán esforzos e recursos en beneficio do servizo ofrecido aos seus asociados e difundirán as súas actividades e colaboración.
Unha das ideas principais para a firma deste convenio foi dar a coñecer aos asociados a figura do corredor de seguros como profesional independente sen vinculación ás entidades aseguradoras así como informar dos diferentes riscos aos que se enfrontan os empresarios que poden ser obxecto de cobertura por parte das entidades aseguradoras.