13.500 euros para sinalizar as fontes do catálogo patrimonial do municipio
Por Redacción
A través dunha cantidade que supera os 13.500 euros, o Concello de Marín quere levar a cabo un traballo de mellora da sinalización e localización das fontes que forman parte do catálogo patrimonial do municipio.
O investimento realízase a través dunha subvención que a Deputación de Pontevedra concede para mellorar a accesibilidade a estes bens materiais que forman parte da historia da vila, da mesma maneira que se realizou cos lavadoiros tradicionais.
No caso dos lavadoiros desenvolveuse un labor de difusión coa renovación dos sinais indicativos e a creación dunha páxina web específica para que calquera persoa teña coñecemento dos máis de 50 lavadoiros que se atopan dispersos polo municipio.
Durante ese traballo realizáronse labores de investigación con documentación fotográfica e de datos para comprobar a evolución destas construcións, por exemplo a do Río de Casás, á que tamén se renovou a cuberta e mellorouse o espazo no que se atopa. A intención do goberno de Marín é agora realizar unha iniciativa similar coas fontes públicas.