O IES Luís Seoane analiza o futuro dos eventos na era covid
Por María José Pita
O instituto de Pontevedra Luís Seoane celebraba este mércores unha mesa redonda para analizar a situación do sector dos eventos e os retos aos que debe enfrontarse na actual crise sanitaria.
A organización corría a cargo do propio alumnado, coordinado pola profesora do Ciclo Superior de Asistencia á Dirección, Ana Limeres.
Neste encontro coa comunidade educativa estiveron presentes os xerentes de dúas empresas pontevedresas: Vanesa López, de Trisquelia Comunicación, e Fernando Fernández, de El Mono con Sombrero; ademais de Antonio Armesto, do negocio lucense Animatium.
Vanesa López, de Trisquelia Comunicación, explicaba ao alumnado a través de experiencias reais a necesidade de adaptación que está a provocar a situación sanitaria na organización de eventos. Desde o éxito do "primeiro concerto da nova normalidade" de Xabier Díaz coas Adufeiras de Salitre ata a cancelación das actividades da Feira Etiqueta Negra Gourmet, dado que o Recinto Feiral converteuse en zona de realización de probas de covid-19.
A charla foi retransmitida en streaming, un formato que para os participantes é unha oportunidade para reorientar as súas actvidades, como o caso dos Premios da Música celebrados no Pazo da Cultura e onde se tivo que reorganizar o aforo e poñer os medios para que a gala fose retransmitida en liña.
Antonio Armesto, de Animatium, falaba da súa traxectoria emprendedora e expúñalle ao alumnado que preguntas debe facerse antes de lanzarse ao mercado. "Analizar as nosas fortalezas e debilidades e en función diso ser realistas. Tentar ser honestos con nós mesmos", comentaba Armesto. Así mesmo, achegaba o caso dunha nova liña de negocio que desenvolveu a súa empresa e que se converteu nunha grande oportunidade en tempos de pandemia: Destination Experience, que aposta polo turismo de experiencias e que se beneficiou do incremento durante os meses val da pandemia do incremento do chamado turismo verde.
Fernando Fernández, de El Mono con Sombrero, lembraba que este ano foi o máis complicado da traxectoria da súa empresa, precisamente cando ampliaran o negocio cun novo local na praia de Aguete, na súa liña especializada en vodas. Neste sentido lembraba que de "25 vodas pechadas en 2020 só se realizaron 3" pola incerteza coa evolución da pandemia e o peche de determinadas zonas de procedencia dos invitados.
No caso das vodas lembraba que tamén houbo que facer adaptacións, non só de aforo senón na forma de realizar os servizos. En concreto aludía aos cambios durante o aperitivo "onde xa non se poden servir, por exemplo, bandexas de embutidos" nin ter zonas de bufé. A solución que achegaron foi dispoñer unhas barras onde varios chefs, separados tanto eles como os alimentos por mamparas e ás que cada invitado achegábase para recoller a súa tapa individual.
Con respecto ao momento actual, Fernando Fernández comentaba que as medidas anunciadas pola Xunta este mércores provocaron un torrente de anulacións de comidas de persoas residentes en Pontevedra que xa tiñan reserva no seu local da praia de Aguete en Marín para esta fin de semana ante a prohibición do saír do municipio. Por outra banda, lamentaba o atraso na cobranza das axudas anunciadas para a hostalería. No seu caso, das 7 liñas que se solicitaron non recibiu ningunha.
Relacionadas:
-
Pontevedra ofertará preto de 1.800 prazas de formación profesional para o curso 2021/2022
Por Redacción |
-
A situación sanitaria obriga a cancelar as catas comentadas de Etiqueta Negra Experiencias
Por Redacción |
-
Etiqueta Negra opta por un formato "máis íntimo" polas restricións da covid-19
Por Alejandro Espiño |
-
VÍDEO.- O primeiro concerto da nova normalidade esgotou as entradas na Explanada do Recinto Feiral
Por Cristina Saiz |