Instalan módulos para aumentar o espazo lectivo e mellorar a seguridade sanitaria no EEI Crespo Rivas
Por Redacción
A Escola de Educación Infantil ( EEI) Concepción Crespo Rivas de Pontevedra incrementou o seu espazo lectivo grazas á instalación de módulos prefabricados para gañar unha aula e ofrecer máis garantías de seguridade sanitaria ante posibles contaxios por covid-19 entre a comunidade educativa.
As obras foron realizadas con fondos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade cun investimento de 36.414 euros. Este mércores, Luisa Piñeiro, delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra achegábase polas instalacións, acompañada polo xefe territorial de Educación César Pérez Ares.
A actuación permite crear unha nova aula con aseo grazas á instalación dunha estrutura prefabricada a partir de catro módulos cunha superficie de 61 metros cadrados, que se atopa acondicionada para impartir as clases e permitirá liberar espazos no interior do edificio do colexio.
Construíuse unha base de formigón, coa instalación da estrutura modular e a instalación de servizos de fontanería, electricidade e saneamento. Tamén se incrementou a beirarrúa do patio, construíuse unha rampla de acceso e un novo portal na zona do muro que fora derrubada polas obras. A estrutura conta cunha porta dobre e xanelas correderas permitindo a súa ventilación. Tamén conta cun aseo con aire acondicionado no que se atopan dous lavabos e dous inodoros.
Este espazo destinarase a impartir Atención Educativa, Relixión, Psicomotricidade e agrupamentos flexibles de materias como Matemáticas, Huerta ou atencións individualizadas de estudantes con necesidades específicas de apoio educativo.