Cuntis suspende as actividades culturais, deportivas e educativas en locais públicos polo aumento de casos de covid-19
Por Redacción
O Concello de Cuntis adáptase á actual situación derivada da pandemia da covid-19, na que a incidencia do virus obrigou a aplicar o nivel máximo de restricións no municipio. Á vista da activación deste nivel por parte da Xunta de Galicia, o Goberno local decidiu suspender todas as actividades culturais, deportivas, educativas ou de calquera outro tipo realizadas nos locais públicos.
A aplicación decisión será inmediata, dende as 00:00 horas da madrugada deste xoves a este venres 15 de xaneiro de 2021. O peche continuará ata novo aviso.
Esta paralización non afecta ao servizo de conciliación do Cuntilín, que se continuará prestando no colexio Don Aurelio, nin ao funcionamento do propio colexio, que será quen establecerá as limitacións de uso.
O Concello aconsella á poboación que as actividades deportivas, culturais e educativas suspendidas "tampouco se celebren dentro do ámbito privado" e, de así facelo, que se teñan en conta as limitacións establecidas, (catro persoas non conviventes e preferiblemente non despois das 18.00 horas) e que se continúen coas medidas de seguridade e prevención.
Esta medida implica que todas as actividades municipais permanecerán canceladas ata novo aviso, (música, idiomas, educación de adultos,...) e tamén os parques infantís continuarán pechados.
Desde o Concello lembran á cidadanía que, para a realización de calquera trámite nas oficinas municipais, é necesario solicitar cita previa nos teléfonos 986548005 e 986185468 (servizos sociais).
Para garantir o cumprimento destas medidas, reforzarase a vixilancia dos distintos corpos de seguridade dispoñibles no Concello.
O Concello fai unha chamada á cidadanía para que actúe con responsabilidade xa que "é cometido de todas e todos".
Cuntis pasará a partir da medianoite deste xoves para este venres a estar perimetrado, de maneira que non se poderá saír nin entrar agás por motivos xustificados.
Ademais, entran en vigor medidas de restricións que implican que na hostalería non se poderá prestar servizos no interior dos locais e a capacidade está limitada ao 50% nas terrazas. Como sucede no resto de Galicia, o peche destes locais está fixado para as 18:00 horas.
As reunións sociais quedan limitadas a un máximo 4 persoas non conviventes tanto en vivendas particulares como noutro tipo de locais e recoméndase por prevención non ter reunións mais alá das 18.00 horas.
Nos establecementos comerciais, limítase a ocupación máxima ao 50% no interior e o peche terá que ser, como moi tarde, ás 21.30 horas, para garantir o cumprimento do toque de queda, que se adianta ás 22.00 horas.