Barro entrega os premios da súa campaña de Nadal e celebra o éxito de participación
Por Redacción
O Concello de Barro pecha as súas campañas de apoio ao comercio e a hostalería locais durante o Nadal cun balance moi positivo dada a boa acollida destas iniciativas tanto por parte da veciñanza como dos negocios participantes.
Neste sentido, desde o Concello destácase que a campaña "Polo nadal, comercio local" acadou un seguimento superior aos 70 establecementos participantes, entre pequeno comercio e hostalaría.
Por outra banda, a iniciativa, "Mercar en Barro ten un lote de premios" obtivo unha importante participación, o que se traduciu nun impacto positivo na economía local. Esta campaña consistiu no sorteo de lotes de produtos locais e galegos entre os propios clientes de cada un dos establecementos adheridos.
A terceira campaña desenvolvida no tempo de Nadal foi "Barro de escaparate", que consistiu nun concurso de escaparates que buscaba incentivar a decoración de Nadal entre os locais e tamén galardoar aqueles que segundo o criterio do xurado fosen os merecedores dos premios designados nas bases do concurso. Os establecementos mellor valorados foron: Peluquería Retokes (1º premio), Carnicería San Marco (2º premio) e Floristería Diflor (3º premio). O xurado salientou a calidade dos traballos feitos polos comercios e valorou moi positivamente a participación dos establecementos.
Logo da avaliación que estas dúas iniciativas tiveron dentro da campaña de Nadal o equipo de goberno ten a intención de consolidalas e repetilas en vindeiras edicións. O Concello traballa xa na vindeira campaña de apoio ao comercio e a hostalaría de Barro co fin de pór en valor as compras e o consumo no comercio de proximidade, un xesto que vai máis aló do mero feito de consumir e que deixa unha fonda pegada na economía local.