A Deputación mobiliza neste ano 4 millóns de euros en investimento social
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que a administración provincial mobilizará neste ano 4 millóns de euros en investimento social para cubrir as necesidades das persoas vulnerables mediante programas de inclusión e protección que levan a cabo os concellos e as entidades sociais.
"O compromiso desta administración co padecemento da xente foi sempre unha liña básica de actuación e coa covid foi o centro da nosa actuación", afirmou a presidenta da Deputación de Pontevedra.
En rolda de prensa xunto a Olga García Ballesteros, a deputada da área de Cohesión Social, Carmela Silva destacou que "este ano 2021 facemos o maior investimento que fixo nunca esta institución" ao mesmo tempo que valorou que no primeiro ano da pandemia a Deputación de Pontevedra "fomos a única administración galega, porque á Xunta nin estivo nin se a esperaba, que puxemos recursos extraordinarios para que os concellos puidesen facer fronte ás necesidades da xente".
Segundo explicou a presidenta, a deputación pontevedresa aumenta neste 2021 un 3% o capítulo de política social e "estamos a adiantar todos os prazos" diante da actual situación "porque entendemos que debemos ser proactivas na loita contra as consecuencias da pandemia, na atención ás persoas dependentes e en promover a igualdade de oportunidades".
Carmela Silva indicou que no goberno provincial queren que os concellos e o tecido asociativo conten con recursos de maneira "inmediata e áxil" para dar resposta ás necesidades sociais.
Así a Xunta de Goberno celebrada este mesmo venres aprobou o cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios para os 52 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes por un montante global de 2,5 millóns de euros para custear o Servizo de Axuda no Fogar Básico e do persoal para servizos sociais, isto supón un incremento do +5,3% máis que no ano 2020.
Este plan aumenta en 133.000 euros e, como novidade, os concellos poden solicitar o adianto do 50% do importe, "algo que antes da covid-19 non podían".
A Xunta de Goberno da Deputación tamén aprobou as bases das axudas a entidades que actúan no ámbito social, son 470.000 euros. Ata 2020 podían recibir ata 6.000 euros pero agora aumentouse a 7.000 euros o importe que pode recibir cada proxecto.
Tamén se deu luz verde ás axudas nominativas para proxectos sociais por 372.000 euros, que ao aprobarse xa o orzamento da Deputación xa poden ser tramitadas. Os beneficiarios son uns 23 colectivos e asociacións.
O vindeiro luns día 18 publicarase no Boletín Oficial da Provincia a bases das axudas de emerxencia dotadas con 565.000 euros, o que significa que se incrementan nun +17% respecto ao ano pasado.
Tamén se adiantan os prazos para que os concellos poidan solicitar este investimento e poderán obter un anticipo do 50% (antes era só do 35% do importe).
"Somos a primeira administración de toda Galicia en aprobar este tipo de bases", asegurou Carmela Silva.