Influencia anticiclónica nas Rías Baixas, previa a unha fronte chuviosa prevista para a vindeira semana
Por Redacción
Este venres recupérase a influencia anticiclónica sobre Galicia. As temperaturas experimentan un lixeiro ascenso situándose entre os 4 e os 15 graos na zona das Rías Baixas, segundo o servizo de Meteogalicia. Os ventos sopran frouxos de dirección variable e as nubes matinais irán desaparecendo ao longo do día.
Durante este sábado 16 de xaneiro, a comunidade autónoma permanecerá baixo a influencia anticiclónica, pero a últimas horas do día irase achegando unha fronte polo norte de Galicia. O ceo estará parcialmente cuberto na metade oeste e máis despexado nas zonas interiores. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro descenso e as máximas manteranse sobre os 14 graos. O vento pasará a soprar frouxo do suroeste.
A fronte rozará Galicia durante o domingo, deixando ceos moi nubrados ou cubertos, con algunha posibilidade de precipitacións débiles, sobre todo no norte e oeste de Galicia. As temperaturas mínimas ascenderán lixeiramente, mentres que as máximas manteranse en 14 graos. Os ventos soprarán do suroeste, frouxos.
O luns 18 será unha xornada de transición grazas á influencia anticiclónica. O ceo estará despexado en xeral. As temperaturas situaranse entre os 6 e os 14 graos. O vento soprará frouxo de compoñente sur.
A partir do martes, Galicia perderá de maneira progresiva a influencia anticiclónica, de forma que a probabilidade de precipitacións será elevada debido á entrada dunha fronte chuviosa. As temperaturas mínimas ascenderán ata os oito graos, reducindo a presenza de xeadas matinais. As temperaturas máximas situaranse sobre os 13 e 14 graos.