Fronte común das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra para esixir a Feijóo maior apoio á hostalería e comercio
Por Oskar Viéitez
As deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra acordaron este venres esixir ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo un maior apoio aos sectores máis afectados polos efectos da pandemia da Covid-19, coma a hostalaría e o comercio local.
Nunha videoconferencia na que participaron os presidentes e a presidenta das tres institucións provinciais, Valentín González Formoso, José Tomé e Carmela Silva, subliñaron que todas as deputacións e a maioría de concellos puxeron xa en marcha liñas de axudas para apoiar ao sectores produtivos mais afectados pola pandemia. "A pesar de tratarse dunha competencia autonómica, o mundo municipal demostrou unha vez máis ser o máis cercano á cidadanía dando unha resposta moito antes que a Xunta de Galicia, que chega un ano tarde", sinalaron nun comunicado de prensa.
Os presidentes provinciais lembran que estas axudas municipais e provinciais a sectores coma a hostalaría ou o pequeno comercio "fixéronse con recursos propios, sen o apoio económico da Xunta, a pesar de tratarse dunha competencia autonómica e de que a Xunta de Galicia recibiu máis de 200 millóns de euros do Goberno de España para pór en marcha programas destas características".
As deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra esixen ademais que a Xunta incremente o seu apoio a sectores coma o da hostalaría ou o pequeno comercio implantando bonificacións fiscais nos impostos de carácter autonómico que carga a estes sectores coma a o canon de tratamento de lixo de Sogama, o canon de augas ou o tramo autonómico de IRPF.
As tres deputacións entenden que as entidades locais fixeron un importante esforzo bonificando ou suprimindo temporalmente taxas e impostos, mentres que a Xunta mantén a súa presión fiscal aos sectores máis afectados.
Valentín González, José Tomé e Carmela Silva coincidiron tamén en subliñar "a falta de respecto e lealdade institucional" da administración autonómica na forma en que se deu a coñecer o fondo de cooperación, sen pactalo previamente coas entidades locais, que xa teñen en marcha os seus propios plans para paliar os efectos económicos da pandemia. "A cogobernanza que Feijoo pide ao Goberno de España non a aplica en Galicia", aseguran.
Asemesmo, os titulares dos gobernos provinciais da Coruña, Lugo e a de Pontevedra dirixíronse desde o inicio da pandemia e en reiteradas ocasións ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, para solicitarlle que coordine as accións de apoio aos sectores máis afectados pola pandemia. "Unha solicitude que o presidente da Xunta ignorou e que agora pretende impor sen falar sequera coas administracións locais", engaden.
As deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra entenden que a Xunta debe asumir as súas competencias. "Ten recursos para facelo e a colaboración do Goberno de España, que transferiu millóns de euros para apoiar ás autonomías na reactivación social e económica", conclúen.
Relacionadas:
-
O PP pide á Deputación e aos concellos que se sumen a un fondo de axudas á hostalería ao que a Xunta aportaría o 50%
Por Oskar Viéitez |
-
Os socialistas reclaman á Xunta a transferencia aos concellos de 250 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva critica o "trilerismo político" da Xunta co plan de axudas á hostalería
Por Oskar Viéitez |