A Mesa da Defensa dos Dereitos Sanitarios convoca unha reunión para o martes
Por Redacción
Poio volve convocar a Mesa da Defensa dos Dereitos Sanitarios. Logo da súa creación a mediados do pasado mes de decembro, será o vindeiro martes 19 de xaneiro cando os integrantes do órgano municipal, no que están representados os catro grupos da corporación, se reúnan para continuar dando pasos de cara á configuración dunha folla de ruta que sirva para lograr unha mellora efectiva do servizo sanitario no municipio, tanto a curto como a medio e longo prazo.
Deste xeito, a partir das 12:15 horas, analizarán as peticións realizadas pola Plataforma da Sanidade e facer unha análise da situación actual, marcada irremediablemente polo aumento da incidencia da covid-19 en Poio, que levou ao concello a estar no máximo grao de restricións.
Precisamente, o concelleiro de Sanidade e presidente da mesa, Xosé Luís Martínez, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, mantiveron estes días reunións cos responsables dos centros de saúde de Poio, de cara a coñecer as súas necesidades no que se refire a cuestións organizativas vencelladas á vacinación da covid-19 ou o cumprimento dos protocolos de seguridade.
Neste sentido, o Concello afirma que "se implicará e colaborará, dentro das súas posibilidades, para dar resposta a aquelas necesidades que non sexan cubertas pola Xunta de Galicia en favor dunha maior organización e seguridade para a veciñanza".
Tamén lembran que na sesión de constitución da mesa abordaron cuestións como o elevado ratio de pacientes por médico existente en Poio, o que provoca o colapso do servizo e problemas como a dilatación das listas de agarda para obter cita médica (que en moitos casos teñen chegado a superar as dúas semanas) e a saturación dos profesionais.
Por iso, desde o Concello insisten na "necesidade de que a Xunta dote aos centros sanitarios locais de máis profesionais e que se cubran as ausencias por descansos ou baixas cando se produzan". Neste senso, tal e como reiterou Silvia Díaz, representante de Avante Poio na mesa de sanidade, seguirán "demandando do Sergas que traslade a información sobre as prazas do persoal de baixa, permisos ou vacacións que non están a substituírse".
Tamén teñen como meta prioritaria reclamar ao Sergas que reforce canto antes a Atención Primaria.
Relacionadas:
-
Poio fai súas as reivindicacións de SOS Sanidade para mellorar a atención sanitaria no municipio
Por Redacción |
-
A situación sanitaria de Poio volve ser escenario para a confrontación política
Por Oskar Viéitez |
-
Poio alerta do "risco de colapso" da sanidade ante a falta de médicos
Por Redacción |
-
Poio terá unha Mesa de Defensa dos Dereitos Sanitarios do concello
Por Oskar Viéitez |