Marín segue traballando nas liñas de colaboración e apoio ás asociacións culturais
Por Redacción
O Concello de Marín segue traballando nas liñas de colaboración e apoio ás asociacións culturais, que tan afectadas están con motivo da pandemia pola covid-19.
Desta forma, o Concello acaba de anunciar que continúan colaborando coas entidades culturais aportando inversións directas para axudalas a facer posibles os seus proxectos culturais propios: actividades, eventos, festivais ou conferencias.
Entre as colaboracións encóntranse a cesión de locais, a asunción de todos os gastos de son, de iluminación, difusión e, nos casos nos que se solicita, cartelaría, axudan para reducir ao mínimo os gastos que poden repercutir nas propias entidades.
Entre as actividades encóntranse o Festival de Airiños de San Xulián, na Romaría de Trompos os Pés ou no Memorial de Antonio Fernández dos Chaneiros, entre outros. A estas axudas, ademáis hai que sumarlle o Plan Cultural, que duplicou o seu orzamento no 2018 e que fixa coas asociacións musicais un número fixo de actuacións ao ano, de tal xeito que se mantén durante 12 meses unha actividade constante das agrupacións.
Así mesmo, desde o 2011 o Concello ofrece locais para que todas as entidades culturais poidan levar a cabo os seus ensaios, reunións ou conservación de material, sen ningún tipo de coste para as propias asociacións en canto ao mantemento ou os subministros.
"Desde o principio da pandemia estamos traballando da man das entidades para tratar de buscar alternativas ás actuacións e a outras actividades que este ano non poden realizarse, contando con elas en todo momento para apoialas naquelas iniciativas que si se poden levar a cabo", explicou a concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez.
De feito, no que respecta aos locais habilitados para os ensaios, trataron de buscar alternativas para que as agrupacións puideran continuar con esta actividade pero cumprindo con todas as normativas. Exemplo desta foron as corais, que estiveron no Multiusos ou na Biblioteca, ou a Banda de Tambores e Cornetas, que desde o 9 de xaneiro tamén leva a cabo os seus ensaios os sábados na Finca de Briz.
Finalmente, a concelleira aclara que a cultura marinense "conta tamén con profesionais e autónomos que unicamente viven da súa actividade, aos que o Concello, tal e como acontece co comercio ou coa hostalaría, trata de axudar nesta crisis con actuacións como as realizadas coas charangas, magos e contacontos nas festas da Virxe do Carme ou de xeito telemático, como se fixo o Día do Libro e con diversas actividades do Ano Torres".