O Concello de Cuntis entrega os premios do primeiro concurso de decoración e iluminación de Nadal
Por Redacción
O Concello de Cuntis acaba de dar a coñecer os establecementos gañadores do I Concurso de Decoración e Iluminación de Nadal posto en marcha co obxectivo de involucrar aos establecementos de municipio na decoración dunhas festas tan atípicas marcadas pola situación sanitaria provocada polo covid e, ao tempo, animar o ambiente e as compras no comercio de proximidade.
O 1°premio, valorado en 300 euros a gastar nos establecementos participantes foi para Gloss Moda. O 2° premio, valorado en 150 euros gastar nos establecementos participantes levouno a Fundación Terra Termarum, mentres que o 3°premio valorado en 100 euros foi conseguido pola tenda de calzado Bottino y Tacco.
O Xurado estivo formado por Cruz Sande Silva (decoradora de Interiores e veciña de Cuntis), Concepción Velasco Aedo (decoradora de Interiores e veciña de Cuntis) e María Isabel Eiras Miguéns (publicista e veciña de Cuntis).
A entrega de premios tivo lugar o pasado xoves coa presencia do alcalde, Manuel Campos e da tenente de alcalde e concelleira de Cultura, Conchi Campos.
A concelleira destacou a alta participación no certame así como o gran nivel de todos os establecementos participantes, que realizaron un esforzo importante adornando e iluminando o seu escaparate ou as zonas exteriores con motivos de Nadal, de acordo ao establecido nas bases do concurso.
Conchi Campos deulle a noraboa en especial aos premiados e agradeceu o labor realizado polo conxunto do comercio cuntiense para ambientar o pasado Nadal e animar, deste xeito, a actividade económica e social.