Os vilagarciáns reciclaron o pasado ano 21.820 quilos de aceite doméstico usado
Por Redacción
Os sobrantes do aceite de cociña de uso doméstico son un residuo que pode resultar moi contaminante si se desbota polos desaugues e vai parar á rede de saneamento. No marco das políticas medioambientais e de boa xestión dos residuos urbanos, o Concello de Vilagarcía dispón dende 2014 dun servizo específico para a recollida e posterior reutilización destes aceites usados.
A utilización do servizo por parte dos vilagarciáns ao longo do ano pasado permitiu recuperar 21.820 quilos de restos de aceite usado nas cociñas de casas e establecementos de hostalería que, de terse eliminado por vertedoiros ou WCs, terían contaminado 24.002.000 litros de auga que habería que tratar convenientemente na planta depuradora de augas residuais de Ferrazo para eliminar o residuos oleaxinoso.
As estatísticas remitidas pola empresa contratada para a recollida e posterior xestión dos restos de aceite alimenticio demostran que os vilagarciáns están cada día máis concienciados co correcto tratamento deste residuo, a xulgar pola crecente evolución das cifras de recollida.
Sen ir máis lonxe, o ano pasado recuperouse dos 27 contedores específicos de recollida dispersos por todo o municipio un 18,5% máis que en 2019, cando se acadaran os 18.415 quilos.
UN INCREMENTO DO 138,5% EN SEIS ANOS
Pero é que esta evolución ao alza mantívose constante dende a posta en marcha do servizo en 2014. Nese primeiro ano recuperáranse 9.155 quilos de aceite de cociña, cantidade que caso se duplicou en 2016, cun resultado de 17.805 quilos. Neste incremento incidiu, sen dúbida o aumento dos puntos de recollida que pasaron dos 16 iniciais aos 26 dese ano. Dous anos despois, en 2019 co mesmo número, a cantidade de aceite recuperado elévase aos 18.415 quilos ata chegar aos 21.80 do ano pasado.
A evolución apunta a un incremento do 138,3% en seis anos.
Para promover e facilitar a reciclaxe deste residuo, están en funcionamiento activo un total de 26 puntos de recollida ao terse retirado o da Torre, estando pendente de atopar un emprazamento máis axeitado no mesmo barrio.
Existen contedores para a recollida de aceite de cociña usado na Praza de Ravella-Arapiles, Praza de Abastos, Avenida Doutor Tourón, Rosalía de Castro (2), O Piñeiriño, A Laxe, As Carolinas, Avenida de Cambados (2, edificio As Gaviotas e Vilaxoán), Sobradelo, Trabanca Sardiñeira, Vilaxoán (Parque Dona Concha), Cornazo, Rubiáns, Vilar-Bamio, Carril (Alameda) Castroagudín, Guillán, Edelmiro Trillo, Trabanca Badiña, Pedroso-Bamio, Avenida Rodrigo de Mendoza (2) e en Pinar do Rei.
Os puntos de recollida máis utilizados ou nos que se rexistran as maiores cantidades de aceite son os das zonas máis urbanas e onde se concentra maior densidade de poboación.
REUTILIZACIÓN DO RESIDUOS
O residuos de aceite alimenticio usado poden ser reutilizados e ter diversas aplicacións. Unha das finalidades máis comúns é a elaboración de biodiésel. Os residuos que se recollen dos contedores son trasladados por unha empresa autorizada e á planta de reciclado onde, se procesan debidamente para poder usar como materia prima na elaboración de biocombustible vexetal que contribúe á conservación do medioambiente, posto que é renovable e limpo e non produce emisións de xofre.
Ademais, reduce o desgaste do motor (maior lubricación) e pode ser usado por calquera vehículo diésel convencional sen necesidade de modificacións mecánicas.