Román Rodríguez: "A situación sanitaria dos centros educativos evoluciona conforme a situación xeral"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Temos que estar en alerta; temos que seguir traballando como fixemos no primeiro trimestre, que tivemos un resultado moi positivo; e temos que estar obviamente preocupados". Así valorou este luns o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, a situación da covid-19 nos centros educativos de Galicia nesta terceira onda da pandemia, tras o regreso das vacacións de Nadal.
Os datos relativos ao pasado venres, última xornada lectiva, recollían un total de 1.692 casos activos e 45 unidades educativas pechadas en Galicia pola covid-19. A preguntas dos medios de comunicación, Rodríguez destacou que demostraron ser lugares seguros fronte á enfermidade, pero que "son espazos abertos que forman parte da sociedade" e, por tanto, "a situación sanitaria dos centros educativos evoluciona conforme evoluciona a situación xeral".
Así, indicou que no primeiro trimestre houbo "un momento alcista" de casos ata mediados de novembro, xusto un comportamento similar ao resto da sociedade e a partir de aí a incidencia empezou a baixar. Igualmente, como ocorre no resto de contextos sociais, agora os casos están a subir.
Rodríguez explicou que nos centros "estamos a recibir aquelas persoas que debido ás interaccións sociais de Nadal teñen un número máis elevado de infectados" e que a pesar de que cada día sobre medio millón de persoas entran e saen dos centros educativos as cifras de contagios sitúanse en 1.693.
"O máis importante é que se demostrou que aulas son espazos seguros e que non hai transmisión interna dentro dos centros", insiste Román Rodríguez, que destaca que a "inmensísima maioría" de persoas que teñen a "mala sorte" de infectarse fano fóra dos centros.
En todo caso, fai un chamamento a seguir traballando e cumprindo os protocolos e medidas que funcionaron no primeiro trimestre e confía en que, unha vez que se reciba a todas as persoas que se contaxiaron en Nadal, "remita a crise pandémica" e se poida "recuperar canto antes" a normalidade.
O conselleiro tamén destacou o gran traballo dos equipos directivos, os claustros e o alumnado, que se adaptou á situación.