Baixa a produción de residuos nos concellos adscritos a Sogama
O impacto da COVID-19 tamén se deixou notar na produción e xestión dos residuos urbanos por parte dos cidadáns. A bolsa negra (lixo convencional depositado no contedor verde) caeu un 0,72%, baixando das 800.802 toneladas de 2019 ás 795.052 toneladas de 2020, segundo datos da Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA).
Estes datos confirman a tendencia observada desde marzo do pasado ano, cando a pandemia irrompeu con virulencia na vida da poboación, modificando hábitos e comportamentos.
A maior caída na produción de refugallos tivo lugar nas seis grandes cidades que utilizan os servizos desta empresa pública, representando un total de 14.947,88 toneladas. Constatouse en maior medida en Santiago de Compostela, cun -10%, seguida por Vigo,cun -5,89%, Ourense, cun -5,4% e Pontevedra, cun -4,06%. Lugo, saldouse cun -3% e Ferrol, cun -1,19%. Todas moi por riba do -0,72% global do conxunto dos concellos adscritos ao sistema Sogama.
Das 275.400,61 toneladas xeradas polas seis urbes en 2019, baixouse a 260.452,78 en 2020, o que representa unha diminución do 5,43%.
No caso da cidade de Pontevedra, pasaba das 29.478,78 toneladas xeradas coa bolsa negra en 2019 a 28.282,26 en 2020, que se traduce nunha diminución do mencionado 4,06%% e unha diminución de 1.196,52 toneladas xeradas de refugallos.
Dado que a prevención e a redución de residuos constitúe o primeiro elo na xestión xerarquizada que promulga a Unión Europea, para este ano que acaba de empezar, o obxectivo da compañía é aproveitar esta tendencia á baixa para incidir, desde a dimensión formativa e de concienciación social, na importancia de seguir primando o consumo responsable e a menor xeración de refugallos, sen esquecer a correcta segregación dos mesmos en orixe e posterior depósito nos contedores de recollida selectiva co fin de propiciar a súa transformación en novos produtos, conforme aos parámetros que rexen o modelo de desenvolvemento sustentando na economía circular.
Pola súa banda, a achega á reciclaxe da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks introducidos no contedor amarelo) incrementouse, de forma global, nun 12,91%, subindo das 28.629,37 toneladas de 2019 ás 32.326,51 toneladas de 2020. Este dato vén a avalar o firme compromiso dos 295 concellos adheridos ao modelo Sogama (máis de 2.242.000 habitantes) coa protección do medio ambiente a través dunha xestión máis sostible dos residuos.
Relacionadas:
-
A Xunta mantén por terceiro ano consecutivo a bonificación dun 10% no canon que pagan a Sogama os concellos adheridos
Por Noticia patrocinada |
-
Sogama conmemora o Día Mundial da Educación Ambiental cunha visita virtual ao seu complexo industrial de Cerceda
Por Noticia patrocinada |
-
Sogama, distinguida por Ardán como empresa circular e de alta productividade 2020
Por Noticia patrocinada |
-
Sogama lembra que as máscaras desbotables deben depositarse no contedor verde de residuos
Por Redacción |
-
Sogama distribuíu de forma gratuíta preto de 5.200 composteiros domésticos na provincia de Pontevedra
Por Noticia patrocinada |