Un operario resulta ferido ao caer cando traballaba na altura nun edificio da rúa Ezequiel Massoni
Por Redacción
Un operario resultaba ferido na tarde deste martes ao caer desde unha considerable altura cando traballaba nun edificio da Rúa Ezequiel Massoni, no centro urbano de Marín.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos equipos de intervención que acudiron ao lugar onde se producía o suceso, o ferido tentaba subir ao tellado mentres traballaba nas obras dun ascensor e, por causas que están por esclarecer, precipitábase ao patio de luces.
O accidente rexistrábase ao redor das 15.30 horas, cando un particular alertaba aos servizos de emerxencias. Segundo a información do 112 Galicia, o ferido foi evacuado por un equipo de urxencias sanitarias. Foron alertados os bombeiros do Morrazo, a Policía Nacional e a Policía Local de Marín.