Núñez Feijóo advirte dunha semana "especialmente dura" e pide "vía libre" para o toque de queda ás oito
Por Alejandro Espiño
A terceira onda da covid-19 vai camiño de converterse nun auténtico tsunami. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, advertiu que esta semana será "moi dura, especialmente dura" polos actuais niveis de incidencia, contaxios e hospitalizacións.
A este respecto, o presidente galego sinalou que, finalizado o horario laboral, "o lóxico é que a xente volva á súa casa e soamente salga para actividades e compras esenciais".
Nuñez Feijóo advertiu que a Xunta non descarta aplicar as mesmas restricións que en Xinzo da Limia, Viveiro ou Arteixo, onde se pechou a hostalería e todas as actividades non esenciais, se a incidencia doutros municipios segue descontrolada.
Para frear os índices de contaxio, o titular do executivo galego pediu ao Goberno central que dea "vía libre" para que as autonomías poidan adiantar o toque de queda ás oito da tarde. Galicia, actualmente, teno fixado ás dez da noite.
Explicou que considera "bastante razoable" que Galicia poida fixar ás oito este toque de queda ou mesmo poder adiantalo aínda máis, entre as 18:00 e as 19:00 horas, para os municipios ou áreas sanitarias que teñan unha maior incidencia da covid-19.
Isto, segundo Feijóo, "non debería ser motivo de discusión".
En todo caso, o presidente da Xunta volveu a descartar que Galicia precise un novo confinamento domiciliario e reiterou que esta posibilidade "non está sobre a mesa" do comité clínico. Sería, dixo, o "último recurso" en caso de non controlar o virus.