Identifican tres veciños de Ponte Sampaio por plantar marihuana nun monte comunal
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra identificou esta semana a tres veciños de Ponte Sampaio de 30 anos por tenza, elaboración e cultivo de substancias estupefacientes como supostos responsables dunha plantación de marihuana localizada nunha zona de monte comunal da súa parroquia.
Segundo fontes policiais, a plantación tiña 12 plantas que no mercado ilícito terían alcanzado un prezo de entre 20.000 e 30.000 euros. Os tres foron imputados tras ser localizados polos axentes mentres regaban o seu cultivo, que estaba oculto entre árbores e matogueiras e lonxe da estrada.
A plantación tiña instalado un completo sistema de rego que permitía regar as plantas dende unha distancia duns 80 metros, con dous depósitos e cableado, todo escondido entre matogueiras para evitar ser sorprendido. Non obstante, unha das mangueiras que comunicaba ambos os dous recipientes estaba roto, de aí que este martes, cando os sorprendeu a Policía Local, estivesen a regar a man.
Os axentes localizáronos sobre as 19.55 horas do martes no marco dun dispositivo de vixilancia que levaba xa días en marcha para localizar os responsables da plantación. Viron como un turismo Seat León de cor gris detiña a marcha na beiravía, a escasos metros do lugar de acceso ás plantas.
Tres mozos apeáronse, descargaron do maleteiro seis garrafas de auga e esconderon o coche nun camiño veciñal. Tras tirar as garrafas monte abaixo, dirixíronse á zona da plantación. Os axentes sorprendéronos regando e procederon á súa identificación e imputación.