O atracador dos supermercados ingresa en prisión por once asaltos
Por Natalia Puga
O atracador que durante as últimas semanas sementou o pánico por supermercados e outros establecementos comerciais de Pontevedra e Marín xa está en prisión tras a súa rechamante detención na noite do mércores na Finca do Teucro, que utilizaba como escondite. E.G.S., veciño de Marín de 39 anos, tiña xa múltiples antecedentes policiais previos e agora atribuíronselle once novos asaltos cometidos entre o 31 de xullo e o 7 de setembro en Pontevedra, Marín e Ourense.
Non todos foron locais e alimentación, senón outro tipo de negocios, e en todos actuou coa cara tapada e armado. En sete ía armado cunha pistola simulada, nun levaba un cútter, noutro un punzón, noutro un coitelo de 12 centímetros e noutro un obxecto contundente non identificado aínda.
Segundo confirmaron fontes da investigación, o detido recoñeceu estes once roubos con intimidación durante a súa declaración na Comisaría da Policía Nacional e día e medio despois da súa detención foi posto a disposición do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra sobre as 17.00 horas e a primeira hora da noite foi conducido á prisión da Lama. Negou expresamente ser o autor dun asalto a unha pontevedresa na rúa e doutro nun establecemento 24 horas de Poio.
E.G.S. foi arrestado sobre as 20.50 horas do mércores 11 de setembro grazas á colaboración de dous veciños que se encontraban na avenida de Uruguai e o viron acceder á Finca do Teucro. Aínda que intentou fuxir, a Policía xa o tiña acurralado, os axentes perseguírono e conseguiron arrestalo e levalo á Comisaría.
Na rúa Ramón Otero Pedrayo golpeou unha empregada na cabeza cun obxecto contundente
A investigación para localizar este atracador comezou en Pontevedra o 12 de agosto, pero entre os roubos que se lle atribúen figura algún previo que recoñeceu ter cometido en Ourense. Este primeiro asalto pontevedrés produciuse na panadaría La Seca da rúa Augusto González Besada de Pontevedra, onde entrou coa cara tapada, ameazou a empregada cunha pistola e levó se 330 euros da caixa rexistradora.
Oito días despois, o 20 de agosto, de novo coa cara tapada e armado cunha pistola, apuntou a empregada dun supermercado Día da rúa Echegaray e levou diñeiro. Nos dous días seguintes cometeu senllos atracos co mesmo modus operandi: o 21 de agosto nun supermercado Moldes da rúa Bélxica de Monte Porreiro e o 23 nun Día da rúa Landín Pazos de Marín do que se levou 245 euros.
Tardou dez días en volver actuar. Fíxoo o 4 de setembro cun roubo con violencia nun establecemento hostaleiro da rúa Ramón Otero Pedrayo de Pontevedra. Entrou detrás dunha empregada, golpeouna na cabeza cun obxecto contundente e apoderouse de 416 euros do interior da caixa rexistradora.
Ao dia, 5 de setembro, atribúeselle un roubo con violencia nun supermercado Día da avenida de Vigo de Pontevedra onde, tras empurrar e colocar un punzón na cintura dunha das caixeiras, se apoderou de 222 euros.
O primeiro asalto foi o 31 de xullo nun estanco de Ourense e o último o 7 de setembro nun de Marín
O 7 de septiembre volveu actuar en Marín, nesta ocasión, nun estanco da Rúa do Sol, onde, tras esgrimir un cútter e ameazar a caixeira, se apoderou de 1.458.06 euros que había na caixa rexistradora e tres paquetes de tabaco.
As investigacións permitiron atribuírlle tres roubos con intimidación na cidade de Ourense en tres semanas, dous previos a actuar en Pontevedra e outros dous simultaneando ambas as dúas provincias. O primeiro foi o 31 de xullo nun estanco do que se levou 300 euros e 50 paquetes de tabaco, todo iso tras ameazar a vítima cunha arma branca de 12 centímetros de folla.
O 7 de agosto recoñeceu ter cometido un roubo con intimidación nunha froitaría no que, tras intimidar a empregada cunha pistola, subtraeu o diñeiro en efectivo da da recadación, 150 euros, empurrouna e encerrouna na trastenda. O 15 de agosto, nun descanso dos seus asaltos pontevedreses, accedeu a un comercio coa cara tapada cun pano ameazou á empregada cunha pistola e obrigouna a entregarlle toda a recadación, 600 euros.
O último asalto ourensano remóntase ao 23 de agosto e produciuse nun establecemento de compravenda de ouro no que ameazou o empregado cunha pistola, se lle colocou nun costado e o obrigou a entregalo todo o que había na caixa neses momentos, 2.500 euros.