O programa da AECC de atención a enfermos avanzados chega a Cuntis
Por Redacción
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, mantiña este mércores unha reunión con membros da Asociación Española contra o Cancro (AECC) na que se abordou a posta en marcha no municipio dun programa de atención a pacientes oncolóxicos con enfermidade avanzada en zonas rurais de alta dispersión poboacional.
Este convenio complementa a actuación que vén desenvolvendo habitualmente a AECC en Cuntis coa atención domiciliaria e o coidado ao final da vida. O equipo deste novo programa estará formado por unha psicóloga e unha traballadora social.
A Asociación Española Contra o Cancro, co apoio da Fundación La Caixa e a colaboración do Concello de Cuntis pon en marcha este novo programa de atención psicosocial a pacientes oncolóxicos en fase avanzada e as súas familias.
A iniciativa pretende actuar desde diferentes perspectivas: proporcionar axuda psicolóxica e social durante a última fase da enfermidade nos domicilios; reducir a fraxilidade e a vulnerabilidade derivadas do seu lugar de residencia asociado ás problemáticas dunha poboación cun alto índice de envellecemento; e favorecer a accesibilidade ao transporte público e a recursos sociais, garantindo así a súa calidade de vida nesta etapa.
O proxecto desenvolverase en varias zonas rurais cunha poboación inferior a 10.000 habitantes dentro da zona nordés da provincia. En concreto, na comarca de Caldas, ademais de Cuntis, chegará aos concellos de Portas, Pontecesures e Catoira; no Salnés desenvolverase nos concellos da Illa de Arousa, Ribadumia, Meis e Meaño; na comarca do Deza abarcará aos municipios de Agolada, Vila de Cruces, Rodeiro e Dozón; e en Tabeirós-Terra de Montes aplicarase o programa en Forcarei.
Relacionadas:
-
Cuntis súmase ao Día Mundial Contra o Cancro e anima a acudir ao concerto solidario de Los Secretos
Por Redacción |
-
Cuntis anima á veciñanza a participar na mesa da Asociación contra o Cancro
Por Redacción |
-
A AECC toma a vía telemática para axudar os pacientes durante a crise do coronavirus
Por Sara Iglesias |