O PSdeG esíxelle á Xunta que reactive a reurbanización de Monte Porreiro
Por Redacción
A viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle á Xunta que reactive o proxecto de reurbanización do barrio de Monte Porreiro, que se remonta a 2009, pero que leva paralizado dende 2013.
A responsable socialista visitou este xoves o barrio xunto con Ángel Mario Lago, integrante da candidatura do PSdeG as eleccións municipais que no seu día foi referente do movemento veciñal do barrio.
Castro presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para "reiniciar as actuacións nun dos barrios con menor renda per cápita da cidade" no que urxe esta intervención para "mellorar as condicións de vida dos 5.000 veciños e veciñas dunha zona fortemente castigada pola crise".
A responsable socialista explicou que foi inicialmente proxectado polo goberno presidido por Emilio Pérez Touriño e despois asumido polo goberno de Alberto Núñez Feijóo, quen comprometeu un investimento de 10 millóns de euros dos que en realidade só se executou a primeira fase. Paloma Castro sinalou que o Executivo do PP destinou 1,5 millóns de euros á primeira fase, que constaba da intervención na rúa Alemaña, pero que rematou en 2013, "e dende entón deixou o proxecto esquecido".
O PSdeG reclamará á Xunta que retome o proxecto e invista os 8,5 millóns de euros nas 3 fases que restan do proxecto. A segunda fase contemplaba actuacións na zona entre as vivendas sociais da rúa Alemaña, a terceira fase estaba destinada á zona libre entre os bloques de vivendas sociais, e a cuarta fase, era unha actuación na praza central e os espazos libres entre a rúa Bélxica, Reino Unido, Luxemburgo e Alemaña.