Piden colaboración para encontrar a persoa que disparou contra un gato na contorna de Juan Carlos I
Por Redacción
Alguén dedicouse a pegar tiros cunha escopeta de proxectís a un gato de rúa que se atopaba na contorna da avenida Juan Carlos I durante os últimos días. A asociación pontevedresa Difusión Felina denuncia esta situación e pide axuda para que se localice ao responsable desta acción para presentar unha denuncia por malos tratos animais.
Este colectivo rescataba ao gato, ao que chamaron "Balín". Os responsables de Difusión Felina pensaban que arrastraba as patas debido a un atropelo accidental. Pero, unha vez que foi trasladado a unha clínica veterinaria, as radiografías mostraron a presenza dos proxectís e que unha das patas se atopaba moi danada debido aos disparos, que tamén afectaron a outras partes do corpo.
A asociación sinala que non é a primeira vez que se producen situacións de malos tratos aos gatos da zona da Parda, onde se atopa unha colonia controlada. Aseguran que tamén detectaron casos de felinos envelenados.
No caso de Balín, a asociación decidiu sufragar o gasto para que se lle opere a pata danada e despois, no caso de que o animal sexa dócil e sociable, estudarán a opción de que poida ser adoptado.