Poio insta á Xunta a que resolva a situación de vinte familias ás que non lles recargou a 'tarxeta monedero'
Por Redacción
O Concello de Poio alerta sobre os problemas que están a padecer vinte familias en situación de vulnerabilidade económica no municipio pola imposibilidade de poder facer uso da ‘Tarxeta Monedero’, impulsada pola Xunta de Galicia. A responsable do departamento de Servizos Sociais, Rosa Fernández, denuncia que a Administración autonómica aínda non procedeu a recargar estas tarxetas renovadas, algo que se fai segundo van caducando, o que impide que os seus beneficiarios poidan utilizalas para a compra de produtos de primeira necesidade, hixiene e alimentos.
A concelleira do PSdeG-PSOE explica que na actualidade son 68 as familias de Poio as que dispoñen desta tarxeta, que está pensada para persoas que contan con ingresos mínimos. No caso dunha soa persoa, os ingresos deben ser inferiores a 423,68 euros, cantidade que chega ata algo máis de 700 para as familias numerosas. Con respecto ás recargas, Fernández González sinala que o habitual é que, no caso de membros individuais, as recargas sexan de 150 euros mensuais ou 450 trimestrais, mentres que para familias de tres ou máis integrantes sexan 900 euros por trimestre.
Segundo apunta a concelleira de Benestar Social e Mocidade, a día de hoxe case un terzo das ‘Tarxetas Monedero’ de Poio non están operativas porque "a Xunta de Galicia aínda ten pendente aprobar os seus Orzamentos e, mentres iso non suceda, alegan que non poden efectuar as recargas". Unha explicación que, segundo entende a titular deste departamento, é insuficiente, polo que o Goberno local remitirá un escrito á Administración autonómica para que atope unha solución a curto prazo a este problema.
A titular dos Servizos Sociais en Poio avanzou que o seu departamento está a repartir cheques para a adquisición de alimentos a estas familias, pero é necesario unha resposta rápida da Xunta, que é quen ten que asumir esta cobertura.
Relacionadas:
-
Os servizos sociais de Poio, principal apoio para máis de 400 familias durante a pandemia
Por Redacción |
-
As asociacións e colectivos de Poio participan na análise dos orzamentos do 2021
Por Redacción |
-
A Policía Local de Poio amplía os controis do peche perimetral e centran a atención na Barca e os accesos ao Vao
Por Redacción |