Condenado por un delito de danos por esnaquizar o Parque da Memoria cun todoterreo
Por Redacción
Un veciño de Pontevedra de 31 anos acaba de ser condenado como autor dun un delito leve de danos polas súas accións o pasado mes de decembro cando provocou unha desfeita nunha zona do Parque da Memoria, na Seca, co seu vehículo todoterreo.
O mozo, de iniciais D.R.C., deberá pagar unha multa de 210 euros, 7 euros diarios durante un mes. En caso de non pagar esa multa, terá un día de privación de liberdade por cada dúas cotas non cubertas. Ademais, debe indemnizar con 100 euros ao Concello de Poio polos danos producidos.
A Policía Local tamén propuxo que se lle impoña unha sanción administrativa pola que perderá seis puntos do carnet e pagará 1.000 euros de multa por conducir baixo os efectos do alcol e estupefacientes.
O mozo accedeu ao céspede cun todoterreo e provocou importantes danos na superficie facendo manobras perigosas co vehículo, deixando as marcas das rodas no céspede.
Segundo informou a Policía Local, citárono nas dependencias policiais para render contas destes danos e, cando acudiu, provocou un accidente e deu positivo nos tests de alcol e drogas practicados despois do sinistro.