Poio queda sen Entroido, cancelado pola covid-19
Por Redacción
A situación provocada pola expansión da pandemia da covid-19 impedirá que Poio poida gozar este ano dunha das súas celebracións máis emblemáticas. Non haberá Entroido 2021 que, en circunstancias normais, viviría as súas xornadas grandes a mediados do vindeiro mes de febreiro.
A edil de Cultura, Raquel Rodríguez, entende que "por moita dor que nos produza, é a decisión axeitada, porque no contexto no que nos atopamos a nivel xeral e, sobre todo, no noso municipio, é inviable poder desenvolver as actividades e eventos tan característicos destes festexos".
Así, o goberno municipal xa deu traslado da decisión a representantes dos diferentes colectivos e agrupacións do municipio, moitos dos cales participan cada ano na organización e animación de desfiles, concurso ou ‘enterros’.
Raquel Rodríguez agradece a súa comprensión, así como a da veciñanza, e expresa o seu desexo de que "o vindeiro ano, grazas ás vacinas e ao maior coñecemento que cada vez imos tendo máis polo miúdo da covid-19, poidamos celebrar o Entroido como merece".
Iso si, o Concello ten claro que a imposibilidade de desenvolver esta programación non quere dicir que o Entroido caia no esquecemento este ano. É por iso polo que a Concellería de Cultura xa está a traballar, en colaboración co tecido asociativo da vila, en propostas e iniciativas que axuden a poñer en valor o que sen dúbida é un dos Entroidos con maior tradición e importancia na comarca de Pontevedra.
Neste sentido, Raquel Rodríguez avanza que xa se está traballando na posta en marcha de alternativas "que axuden a manter vivo o espírito do noso Entroido, á vez que poñemos en valor a súa historia e tradición, así como a súa gastronomía". Para iso, apostarase por fórmulas telemáticas e on line.
Relacionadas:
-
O Galo Fodorico non faltará ao Entroido virtual de Poio
Por Redacción |
-
Poio prepárase para un entroido interactivo e desde casa
Por Redacción |
-
Sanxenxo ultima un Entroido telemático con "chiscadelas" ás súas festas máis "retranqueiras"
Por Redacción |
-
Vilaboa suspende o Entroido de Cobres pola pandemia
Por Redacción |
-
A Lama suspende o Entroido 2021 e a feira mensual pola alta incidencia da covid-19
Por Redacción |
-
Bueu suspende o Entroido e organizará unha exposición virtual para "manter o seu espírito"
Por Redacción |
-
Suspendido o Enterro da sardiña en Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Só Ravachol se salva da suspensión dun Entroido para o que "non se dan as condicións"
Por Alejandro Espiño |