154 novos casos na área sanitaria e Galicia acada un novo máximo de positivos: 18.286
Por Redacción
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés continúa co incremento de número de casos positivos de covid-19. Nas últimas horas, os datos reflicten, segundo a Consellería de Sanidade, 154 novos positivos, dos que 124 foron detectados por PCR. Durante as últimas 24 horas realizáronse 1.401 probas PCR na área sanitaria. Este sábado rexístranse 1.579 casos activos, dos que 1.482 atópanse evolucionando nas súas vivendas.
Nos centros hospitalarios hai 84 pacientes covid ingresados en planta: 67 no Complexo Hospitalario de Pontevedra, 12 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e 5 pacientes no Hospital do Salnés. A esta cifra hai que sumar outros 13 pacientes que se atopan ingresados na Unidade de Coidados Críticos no Hospital Montecelo.
O número de falecidos notificado é de 97 pacientes. O último rexistrábase nas últimas horas en Montecelo, tratábase dun home de 74 anos que presentaba enfermidades previas a contraer coronavirus.
No municipio de Pontevedra o número de casos activos ascende a 352 persoas, 28 positivos máis que na xornada do venres.
En Poio, a cifra sitúase en 306, cun ascenso de 15 casos máis nas últimas 24 horas.
Neste mesmo sábado, o xerente da área sanitaria José Ramón Gómez poñíase en contacto con Luciano Sobral, alcalde de Poio, para anunciarlle a intención da Consellería de realizar un cribado poboacional en Poio ao longo da próxima semana.
O luns 25 concretarase a organización desta medida para detectar posibles casos de pacientes asintomáticos. Luciano Sobral fai, unha vez máis, un chamamento aos residentes no municipio para que permanezan nas súas vivendas, que se autoconfinen como medida fundamental para evitar contaxios.
En Marín, este sábado rexístranse 73 casos activos, catro máis dos que se cuantificaban durante o venres.
En canto a escolas infantís e centros educativos non universitarios, a Consellería de Sanidade informa de 300 positivos na comunidade escolar con 18 aulas pechadas na área de Pontevedra e dous centros de educación infantil clausurados na comarca de Umia-Deza.
GALICIA, NOVO RÉCORD
En Galicia, os casos aumentan de maneira galopante e xa triplican os que se rexistraban o 23 de decembro, antes das festas do Nadal. Detectáronse 1.161 casos máis que na xornada do venres e a cifra de persoas infectadas na comunidade ascende a 18.286, con 825 persoas ingresadas en planta dos hospitais galegos, ademais de 142 pacientes que se atopan na Unidade de Coidados Intensivos.
O número de falecidos en Galicia desde o inicio da pandemia ascende a 1.599 persoas.
Relacionadas:
-
Aumenta a presión hospitalaria: 117 persoas están ingresadas na área sanitaria por covid
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
Unha muller de 70 anos falece por covid no Hospital Montecelo entre as catro vítimas que se rexistran este sábado na provincia
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Multan o propietario dun bar de San Salvador de Poio por superar o 50% da capacidade
Por Redacción |
-
Un paciente de 74 anos, vítima 97 na área sanitaria, nunha xornada con 15 falecidos por covid en Galicia
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
A Policía Local de Poio amplía os controis do peche perimetral e centran a atención na Barca e os accesos ao Vao
Por Redacción |
-
A área sanitaria pulveriza o seu pico de covid-19 con 1.485 contaxiados e case un cento de hospitalizados
Por Alejandro Espiño |