O PSOE alerta de que Marín pechou o exercicio 2019 cun déficit de 3,2 millóns de euros entre ingresos e gastos
Por Redacción
Manuel Pazos, portavoz municipal do PSOE en Marín, lamenta que o peche económico do exercicio 2019 que se debatía no último pleno municipal mostre un déficit de 3,2 millóns de euros entre ingresos e gastos.
Segundo expón o representante socialista "boa parte da explicación radica en que se tratou dun ano no que se celebraron eleccións municipais" e afirma que "o Partido Popular empregou o Concello e os cartos dos veciños como arma electoral ao seu servizo".
Na aprobación da Conta Xeral 2019 co peche do exercicio económico dese ano, Manuel Pazos sinala que os ingresos pasaron dos 15 millóns de euros dos anos 2017 e 2018 a 14 millóns debido a que nos anos precedentes rexistrouse unha importante regularización do catrasto que supuxo un incremento forte no orzamento.
Os gastos, en cambio, aumentaron pasando de 14,7 millóns de euros en 2017 a 17,4 millóns en 2019. Un incremento dun 20%. Segundo sinalan os socialistas destaca o incremento dos custos de persoal que aumentaron en máis de 640.000 euros entre 2017 e 2019, chegando a ser unha partida de 4,1 millón de euros. Tamén as ' Festas populares e festexos' alcanzou unha cifra de 943.000 euros, que era o dobre da cantidade inicialmente orzada.
O exercicio saldábase con -3,2 millóns de euros, un déficit que se xustifica parcialmente polo atraso na cobranza dalgunhas partidas. Os socialistas consideran que o desfasamento, en todo caso, sería superior ao millón de euros.
Manuel Pazos afirma que observa síntomas do goberno local que lle preocupan xa que parte do incremento do gasto ten carácter fixo e estrangula a capacidade de investimento e cofinanciamento de obras.