Augusto García Sánchez, a rúa onde máis sanciona o Ollomóbil
Por Anxo Lourido
En xuño de 2021, o Ollomóbil, nome co que o goberno local bautizaba ao coñecido popularmente como Multamóvil, cumprirá sete anos de funcionamento nas rúas do municipio co obxectivo de detectar a presenza de vehículos que se atopan aparcados de maneira irregular.
Desde o Concello sempre se insistiu en que o seu obxectivo era disuadir aos posibles infractores e evitar aparcamentos en dobre fila, sobre as beirarrúas e especialmente naquelas zonas reservadas para "servizos". Estas afirmacións sempre provocaron polémica entre un importante número de condutores que consideraban que a súa posta en marcha só tiña un obxectivo recadatorio.
A Policía Local emite neste 2021 un balance destes anos de actividade e mostra que as sancións se reduciron ao longo dos anos pasando de 13.770 nos seus primeiros meses de entrada en funcionamento ás 4.940 que se tramitaron durante 2020, un ano no que tamén se reduciu a mobilidade debido ao confinamento e ás restricións de desprazamentos debido á pandemia.
Segundo a Policía Local, a pesar de incrementarse considerablemento co paso dos anos o número de rúas con reserva de estacionamento para "servizos", o número total das denuncias foi descendendo progresivamente.
En todo caso, esta ferramenta supón entre un 25 e un 30% das denuncias totais que realiza a Policía Local de Pontevedra. Desde o 16 de setembro de 2016 no que se instalou un novo programa de rexistro informático na Xefatura da Policía tramitáronse un total de 34.840 denuncias con competencia sancionadora no Concello de Pontevedra. Deste total, 11.6116 (33,34%) foron tramitadas polos axentes que pilotaban o Ollomóbil.
Unha das principais características deste vehículo é que incorpora unha impresora que notifica unha a unha as denuncias que detecta e, desta forma, permite que o infractor, de maneira inmediata, coñeza que foi denunciado. Esta situación non se produce noutras cidades que utilizan un sistema similar xa que non deixan o boletín de denuncia nos vehículos infractores.
As denuncias por estacionar nunha parte da vía reservada para o servizo de determinados usuarios superando o tempo máximo autorizado de 15 minutos son as maioritarias. Representan o 79% das denuncias efectuadas con este temido vehículo.
Durante 2020, dentro das denuncias que realizaba a Policía Local por superar os 15 minutos de tempo permitido para aparcar en zonas de servizo realizábanse con Ollomóbil. En total tramitáronse 1.526 denuncias, das que 1.114 (73%) foron impostas por este vehículo
As sancións prodúcense sobre todo entre as 10.00 e as 13.00 horas e entre as 17.00 e as 19.00 horas, segundo os datos estatísticos do informe policial.
As rúas nas que máis denuncias se realizaron co Ollomóbil son Augusto García Sánchez, con 173, seguida por Barcelos con 147 e a gran distancia son seguidas por Gonzalo Gallas (69), San Antoniño (60), Pastor Díaz (55) e Poeta Uxío Novoneira (40).
Relacionadas:
-
Un 'ollomóbil' renovado volve controlar os aparcamentos en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra xubila o seu 'ollomóbil' e ultima un novo sistema para controlar os aparcamentos
Por Alejandro Espiño |
-
Barcelos é o lugar de Pontevedra onde se multa a máis vehículos por mal estacionamento
Por Redacción |
-
O día en que o 'ollomóbil' pasou a ser o 'multacar'
Por Natalia Puga |
-
O multamóbil 'caza' a dous infractores no seu primeiro día operativo por Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Acabou o período de probas: a partir do luns o 'ollomóbil' vixiará as rúas de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |