Juan Constenla substituirá a María Ramallo como deputado do PP no Congreso
Por Alejandro Espiño
Juan Constenla, edil do Partido Popular na Estrada, substituirá como deputado no Congreso a María Ramallo, que anunciou hai uns días que renunciaba á súa acta para centrarse no seu labor como alcaldesa de Marín.
Tras destacar o seu "duro traballo" como concelleiro, o presidente do PP en Pontevedra, Alfonso Rueda, mostrouse convencido de que Constenla fará un "magnífico papel" na Cámara Baixa representando os intereses da provincia.
"Estará á altura porque leva moito tempo traballando e coñece perfectamente como funciona a política dura de verdade, que é a local", afirmou Rueda.
Juan Constenla, que actualmente é tenente de alcalde na Estrada e concelleiro de Rural, Medio Ambiente e Cultura, concorreu no número 5 da candidatura do PP por Pontevedra nas eleccións xerais de novembro de 2019.
O futuro deputado recoñeceu que será unha responsabilidade "moi grande" e asegurou que traballará "comprometido" para trasladar as necesidades da provincia ao Congreso.
A renuncia de Ramallo, que liderara dita candidatura, debería ser ocupada pola arousá Elena Suárez, pero esta optou por conservar o seu actual escano no Parlamento galego, polo que a lista correu un posto.
Está previsto que Constenla tome posesión da súa acta como deputado no Congreso ao longo do mes de febreiro, unha vez que se formalice a renuncia da súa compañeira.
Nun primeiro momento, a intención do edil da Estrada é compaxinar ambas as responsabilidades.