Usuarios do Hospital Provincial alertan de aglomeracións no espazo para realizar analíticas
Por Redacción
Espazo inadecuado para a espera, falta de persoal, ausencia de indicativos para entradas e saídas. Así describen a situación usuarios do Hospital Provincial que este luns acudían ata as instalacións para realizarse unha analítica.
Segundo denuncian estes pacientes, víronse obrigados a esperar unha hora e vinte minutos ata ser atendidos. Afirman que só había un profesional sanitario para atender urxencias e outro para o resto de pacientes, malia que o espazo conta con seis estancias para atender ás persoas que acoden a realizar a súa análise de sangue.
A choiva no exterior provocaba que todas aquelas persoas que esperaban a súa quenda agardasen no interior deste espazo situado no vestíbulo da entrada posterior das instalacións hospitalarias. Chegaron a sumarse máis de corenta persoas nunha sala que carece das condicións para acoller a tanta xente coas condicións establecidas polas autoridades sanitarias para evitar os contagios por covid-19.
Indican que, a pesar dos sinais no chan alertando da necesidade de manter a distancia de seguridade, as dimensións do espazo impiden ese distanciamento. Tamén denuncian que os corredores para entrar ou saír á zona de extracción se atopan sen sinalizar e finalmente numerosos usuarios teñen que cruzarse ao pasar co risco de que poida chegar a producirse algún contaxio por covid-19.
Relacionadas:
-
O sindicato CESM denuncia que se vacinou a 200 traballadores sen relación directa con pacientes covid na área sanitaria
Por Redacción |
-
Tres falecementos este domingo en Montecelo e a área sanitaria xa supera o centenar de mortes por covid-19
Por Redacción |
-
Aumenta a presión hospitalaria: 117 persoas están ingresadas na área sanitaria por covid
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |