A Deputación dota a Ponte Caldelas dunha senda peonil e colabora nas obras de varias rúas
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e o deputado de Cooperación, Santos Héctor, visitaron este luns as obras da senda peonil de dous quilómetros de lonxitude entre os núcleos de Parada e Cuñas.
As obras, practicamente rematadas, contaron cun orzamento de 226.000 euros e converterán á estrada provincial EP-0206 nun espazo de lecer para toda a veciñanza de Ponte Caldelas, completando un itinerario peonil que comeza no propio centro urbano da vila termal e permite acceder a unha paraxe no val do río Verdugo con varias rutas de sendeirismo e espazos naturais.
Ademáis, a execución do espazo peonil, permitiu o calmado de tráfico na estrada provincial gracias á instalación de pasos de peóns sobreelevados e redutores, limitando así a velocidade a 30 km/h.
Os traballos completáronse coa execución dunha calzada en plataforma única ao paso polo lugar de Parada, dando así preferencia aos peóns, e, finalmente, coa dotación de nova iluminación led e drenaxe de augas pluviais en todo o ámbito.
Ademáis o alcalde presentoulles os dous proxectos de humanización das avenidas de Galicia (a rúa presidida pola Casa do Concello) e de Vigo (rúa do balneario), que o Concello se apresta a humanizar cun investimento total de 727.000 euros tras ter acadado dúas subvencións europeas de fondos Feder, a través da convocatoria do Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE).
A Deputación, por medio do Plan Concellos, colaborará achegando o 20% do orzamento.
Estas dúas obras, explicou o alcalde, "suporán un antes e un despois" para a trama urbana de Ponte Caldelas, continuando a estela da reforma da praza de España, financiada o mandato pasado pola Deputación.
Carmela Silva amosouse orgullosa de comprobar os avances "deste goberno transformador, que está a cambiar Ponte Caldelas, como nunca na súa historia, e que ten moi claras as súas liñas de actuación, que se corresponden totalmente co modelo transformador que a Deputación quere para tódolos concellos da provincia".
A presidenta destacou que "nun momento tan complicado como o que vivimos" Ponte Caldelas está incrementando poboación dende o rural e logrando que se presenten licenzas de obra. "Transformar os pobos é atraer economía", dixo.
"Ponte Caldelas é quen de transformar o seu pobo con recursos propios, da Unión Europea e da Deputación e con cero euros da Xunta de Galicia", denunciou a presidenta Carmela Silva, que demandou un reparto xusto dos fondos autonómicos. "Fago un chamamento para que a Xunta atenda a tódolos concellos da provincia, sexa cal sexa a cor dos seus gobernos, e fágoo, particularmente, dende Ponte Caldelas", engadiu.
"Os precedentes de falta de igualdade e de equidade con este concello, comparativamente con outros da contorna, se acumulan e son claros, sangrantes e intolerables", segundo Silva. Por este motivo, reclamou da administración autonómica "que tome nota".
Relacionadas:
-
Fondos europeos para construír unha senda peonil en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O Paseo da Calzada xa conta con 10 prazas de aparcamento para motos
Por Redacción |
-
Arrancan os traballos de mellora da Estrada do Balneario de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Comezan catro meses de obras na rúa do edificio consistorial de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Andrés Díaz asegura que "a Xunta de Galicia leva máis de seis anos sen facer ningún investimento en Ponte Caldelas"
Por Oskar Viéitez |