A mala memoria da testemuña principal cambalea un xuízo contra un policía acusado de suborno
Por Natalia Puga
"No lo recuerdo" e "no sé" foron este luns as dúas frases máis repetidas durante a primeira sesión do xuízo con xurado que comezou na Audiencia Provincial de Pontevedra contra un policía local de Vilagarcía acusado dun delito de suborno por pedir diñeiro a un condutor a cambio de non tramitar un atestado por alcoholemia. Pronunciounas a testemuña principal do caso, un home que asegurou que pagou 2.000 euros ao axentes tras ese suborno e que na súa declaración ante o tribunal fixo gala dunha mala memoria que agora pode facer cambalear toda a causa, pois o seu testemuño é a proba fundamental que sustenta a acusación.
Tras a selección dos membros do xurado, o xuízo comezou coa declaración do acusado, Marcial D.F., que defendeu de forma categórica a súa inocencia e asegurou que "en absoluto" é autor dos feitos polos que lle acusan e que poden valerlle unha condena a catro anos e medio de prisión e nove de inhabilitación.
A Fiscalía sostén que na madrugada do 12 de setembro de 2013 fixo con outro compañeiro unha proba de alcoholemia a un condutor que deu resultado positivo e, dez días despois, compareceu na súa casa e ofreceuse a non tramitar o expediente polo delito de condución baixo os efectos de bebidas alcohólicas a cambio do pago de 5000 euros. Finalmente, pagoulle, pero unha cantidade inferior, 2.000 euros, e pouco despois denunciou na Comisaría.
O acusado negou todo o relato da Fiscalía e explicou que ese día estaba de garda cun compañeiro cando os chamaron para facer unha proba de alcoholemia, fixérona, logo levaron ao condutor ás dependencias policiais para repetirlla "e nada máis". Todo o que o ministerio público asegura que sucedeu despois, négao. Non lembra que taxa deu o condutor, pero insiste en que levaba 10 anos e a policía, fixo centos de probas de alcoholemia e nunca tivo ningún problema.
O atestado desa proba aparece asinado por el e el mesmo recoñeceu na sala de vistas a súa firma, pero sostivo que el non o redactou nin tramitou. Segundo indicou, os dous compañeiros que traballaban xuntos facían os atestados indistintamente e iso sabe que non o fixo el porque "eu sempre falo en galego e fago todo en galego" e está en castelán e porque o propio compañeiro declarou no seu día que el foi o autor do documento. "Está en castelán, fíxoo el, está na súa carpeta", insistiu, mentres que a súa intervención foi que "firmei e nada máis".
Esta causa que este luns empezou a xulgarse na sección cuarta da Audiencia Provincial ten a súa orixe nunha investigación da Policía Nacional por presuntas irregularidades na Policía Local de Vilagarcía. Tal e como lembrou a Fiscalía, tiña inicialmente "una entidade mayor", pero finalmente tan só acabou acusado Marcial D. F..
O avogado do procesado quixo aclarar que en toda aquela investigación atopáronse catro atestados que se tramitaron e que nunca chegaron ao xulgado e que un deles asinouno o acusado mentres que o seu compañeiro asinou ese mesmo e outros dous dos catro sospeitoso. Engadiu que no rexistro realizado na 'taquilla' do seu cliente e no cartafol que tiña no computador da Comisaría non apareceu nada sospeitoso mentres que ao outro compañeiro se lle atoparon mesmo outros dous atestados máis, e sitúa todos estes feitos nun momento no que na policía local detectáronse fallos en canto á garda e custodia dos documentos.
O acusado confirmou que el asinou ese atestado que deu lugar a esta causa, pero que non o levou ao cartafol na que adoitaban gardarse os atestados, senón que foi o seu compañeiro o que o fixo. Indicou, ademais, que a ese cartafol negro tiñan acceso todos os policías e outro persoal municipal e que, tras esta investigación, todo empezou a gardarse nunha caixa forte, pero non en 2013. Tamén tras estes feitos empezouse a citar directamente para xuízo aos condutores que daban taxas de alcol constitutivos de delito, pero cando ocorreron estes feitos non se procedía así.
O axente acusado cualificou de "rotundamente falso" que tras ese atestado contactase co condutor para pedirlle diñeiro e explicou que só se viron ese día e, uns dez antes, porque foi á súa casa con outro compañeiro para levarlle unha notificación. Tan só recoñeceu que falaron por teléfono dúas veces. Primeiro chamouno o outro home para quedar con el, pero el non quixo e logo foi el o que lle devolveu a chamada porque quería saber como conseguira o seu número de teléfono.
Durante a súa declaración, o acusado mostrouse moi crítico con todo o proceso xudicial realizado e coas "mentiras" de testemuña principal, ata tal punto que a maxistrada que preside o tribunal do xurado tivo que recriminarlle a súa actitude: "usted no es quien para valorar lo que dice el testigo", o reprochou.
Esa testemuña principal xustificou que naquel momento estaba a tratamento psiquiátrico e que agora mesmo tamén e ten unha forte depresión para explicar que non lembra con claridade os feitos. Pesa á insistencia da Fiscalía nas súas preguntas, asegurou que non lembra coñecer ao acusado, nin tampouco que o parasen para un control ou que algunha vez o denunciaran pola vía penal por conducir borracho. Chegou afirmar que "ahora mismo no recuerdo" nin sequera acudir á Comisaría para denunciar o suposto suborno ou declarar por estes feitos con anterioridade.
"Yo no lo recuerdo después de tantos años", reiterou durante toda a súa declaración e, a pesar de que a Fiscalía lle preguntou insistentemente por todos os feitos, non logrou lembrar ningún. Ademais, tamén a preguntas da representante do ministerio público, negou que fixese gala desta mala memoria porque estivese ameazado ou tivese medo.
Curiosamente, tamén a nai desta testemuña, que no seu día prestou declaración por estes feitos, ten mala memoria e non lembra con claridade nada do ocorrido hai sete anos. Durante a súa declaración mesmo asegurou que non soubo nada desta causa ata que recentemente foi citada para acudir a este xuízo.
O xuízo continuará este martes.
Relacionadas:
-
Absolven o policía de Vilagarcía acusado de suborno e declarado "non culpable" polo xurado
Por Natalia Puga |
-
O xurado declara non culpable ao policía de Vilagarcía acusado de suborno
Por Natalia Puga |
-
A Fiscalía admite que carece de probas directas contra o policía vilagarcián acusado de suborno
Por Oskar Viéitez |
-
Aprazan un xuízo con xurado contra un policía acusado de suborno por sospeitas dun caso de covid-19
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Xulgan un policía local de Vilagarcía acusado de cobrar diñeiro por non tramitar un positivo por alcoholemia
Por Redacción |