Deteñen un mozo buscado por catro xulgados diferentes por violencia de xénero, estafa e desobediencia
Por Redacción
Axentes do Grupo de Prevención da Delincuencia da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá da Comisaría Provincial de Pontevedra lograron deter nos últimos días a un mozo de 26 anos que estaba a ser buscado por catro xulgados diferentes de Pontevedra, Barcelona e Elxe.
O mozo foi localizado polos axentes na zona monumental de Pontevedra e constábanlle unha orde de detención por un delito de malos tratos no ámbito da violencia de xénero ditada por un Xulgado de Instrución de Pontevedra, outra por un delito de desobediencia dun Xulgado de Instrución de Elxe por un delito de desobediencia e dúas peticións ditadas por xulgados de Pontevedra e Gavá (Barcelona) para que se pescudase o seu domicilio e paradoiro por un delito de estafa.
Este mozo foi só un dos cinco detidos en tan só dous días en Pontevedra por estar reclamados pola Xustiza.
Unha desas reclamacións xudiciais requiría o ingreso en prisión dun home. A orde ditouna o Xulgado do Penal número catro de Pontevedra por un quebrantamento de condena. Tras comprobar a vixencia da reclamación xudicial, os investigadores realizaron varias xestións para dar co seu paradoiro, centrándose nun primeiro momento na súa contorna máis próxima.
Ademais, foron detidos unha muller de 21 anos que estaba a ser reclamada por un Xulgado de Instrución de Elxe por un delito de desobediencia, un home de 35 anos ao que buscaba o Xulgado do Penal 1 de Pontevedra por un delito de roubo con forza e unha muller de 38 anos que tiña unha reclamación dun Xulgado de Instrución de Pontevedra motivada por un delito de resistencia e desobediencia a axente da autoridade.