A docencia universitaria pasa a modo virtual pero os exames serán presenciais
Por Oskar Viéitez
O inicio do segundo cuadrimestre nas tres universidades galegas adíase ata o 8 de febreiro, en lugar de arrancar como estaba previsto o día 1, e farao en modo totalmente virtual.
Deste xeito, a docencia será en liña para todas as titulacións, como mínimo, ata o día 17 de febreiro, segundo confirmou este mediodía o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nunha rolda de prensa na que deu conta das novas medidas adoptadas polo goberno autonómico para facer fronte á terceira onda da covid-19.
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa declarou, que "esperamos que, de novo, os membros da Universidade de Vigo volvan a dar o mellor de si, tentando que esta situación desfavorable non produza efectos negativos nas actividades universitarias".
Como xa ocorreu durante case seis meses do pasado curso, a Universidade de Vigo retomará a docencia virtual entre o 8 e o 17 de febreiro, despois de iniciar este curso compaxinando a docencia presencial nunha vintena de graos e 30 mestrados, co sistema mixto que alternaban as clases na aula coa virtualidade.
A tal efecto, a institución académica creou o Campus Integra, unha contorna que permite conxugar o Campus Remoto ou xemelgo dixital da UVigo coa presencialidade, proporcionando o soporte adecuado para os tres posibles escenarios de docencia previstos para este curso (presencial, mixto ou totalmente telemática), permitindo a docencia simultánea a alumnos na aula física e na aula virtual.
Así mesmo, a universidade conta desde este curso co novo portal de teledocencia, Moovi, unha medida que se enmarca no plan de mellora deseñado para facilitar o proceso de adaptación á docencia en liña. O sistema actual, FaiTic, segue ademais activo durante todo o curso, aínda que non permite crear contidos novos.
Os detalles do inicio da docencia do primeiro cuadrimestre no escenario virtual pubilicaranse nunha resolución reitoral que clarexará estes aspectos.
PRESENCIALIDADE PARA OS EXAMES PREVISTOS
Se ben o inicio de segundo cuadrimestre se adiará unha semana para comezar o 8 de febreiro e non o 1, "un tempo que servirá para organizar a docencia, aínda que xa estaba preparado o plan de continxencias", explica Reigosa, os exames do primeiro cuadrimestre que xa estaban previstos, realizaranse de xeito presencial.
Así mesmo, ao non contemplarse polo de agora un confinamento, "tanto o personal docente e investigador como o persoal de administración e servizos poderemos seguir acudindo aos postos de traballo, polo que non é preciso tomar medidas nin referidas a investigación, transferencia e xestión mais aló dos acordos xa tomados nas mesas de negociación e á organización consensuada das actividades", detalla o reitor.
249 POSITIVOS POR COVID
Desde o 21 de setembro de 2020, día do inicio oficial do curso académico, ata este luns 25 de xaneiro de 2021, rexistráronse na Universidade de Vigo un total de 249 positivos por covid entre os 20.735 integrantes da comunidade universitaria, dos que 221 corresponden a alumnado, 22 a personal docente e investigador e 6 a persoal de administración e servizos. En canto aos casos activos nos últimos 10 días o número elévase a 22.