A ponte da AP-9 sobre Mollavao cae a cachos
Por Redacción
O estado da ponte da autoestrada AP-9 que sobrevoa a ría de Pontevedra e o barrio de Mollavao espertou a alarma porque mostra unha clara imaxe de deterioración. Os residentes da zona denuncian que se produciron desprendementos de cascotes sobre as beirarrúas e a calzada da rúa Rosalía de Castro.
Sinalan que nos laterais da ponte crece a vexetación que, acompañada das inclemencias metereolóxicas, afectan o formigón que termina por fracturarse e desprenderse co perigo que conleva para vehículos e peóns que circulen nunha zona moi transitada por pacientes que se achegan ata o Centro de Saúde da Casa do Mar.
Un dos residentes na zona móstrase indignado coa resposta que recibiu de Audasa a unha reclamación presentada a principios deste 2021 por esta situación. A empresa concesionaria indícalle que "se estiveron realizando reparacións para a conservación e mantemento na pente ao longo do ano 2020 e continuará ao longo de 2021".
Ante este problema de seguridade, a veciñanza está a se mobilizar a través das redes sociais e máis dun centenar de persoas reclaman xa algunha solución inmediata que impida que un cascote cause unha traxedia. Os afectados recoñecen que ata o momento ningún vehículo, peón ou ciclista viuse afectado por estes desprendementos.
Reclaman a Audasa e ao Concello de Pontevedra que se adopten medidas de inmediato para evitar que continúen estes desprendementos. Lembran que a ponte da AP-9 cumprirá 30 anos de existencia o próximo 2022. Cada día 47.000 vehículos circulan por esta vía, segundo os datos publicados polo Ministerio de Fomento en 2018.
Os veciños lembran que se utiliza como circunvalación de Pontevedra e debería contar con todas as garantías para evitar que se poidan producir danos a terceiros.