Continúa a escalada: 216 novos contaxios por covid-19 na área sanitaria nas últimas horas
Por Redacción
Aumentan os casos activos e increméntase a presión hospitalaria na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Segundo os datos ofrecidos pola Consellería de Sanidade este martes 26 de xaneiro, durante as últimas 24 horas rexistráronse 216 novos casos positivos, dos que 187 foron detectados nas 1.257 probas PCR realizadas na última xornada.
Hai 1.940 casos activos na área sanitaria, dos que 1.812 permanecen evolucionando nos seus domicilios. Increméntase o número de pacientes ingresados nos hospitais da zona: 113 pacientes atópanse ingresados por covid nas plantas dos centros: 94 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 11 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e oito no Hospital do Salnés
Ademais, hai 15 pacientes críticos que permanecen na unidade de Coidados Intensivos do Hospital Montecelo.
Nas últimas horas non se rexistrou, en cambio, ningún novo falecemento pola pandemia, polo que a cifra de decesos segue sendo de 101 persoas, desde que se notifican as mortes por esta enfermidade.
Pontevedra-O Salnés foi a terceira área en novos casos detectados durante estas últimas detrás da Coruña con 349 casos e dos 239 de Santiago. En Vigo, durante as últimas horas, rexistráronse 177 contaxios.
A situación en Galicia tamén é alarmante e os datos mostran que hai 1.413 novos activos e 20.481 persoas con infección activa das que están hospitalizadas 1.031, ademais de 170 na UCI. Galicia suma xa 1.649 falecidos por esta enfermidade.