Campo Lameiro quere humanizar o parque da Lagoa cunha achega da Xunta
Por Redacción
A consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ultima unha convocatoria de axudas dirixidas aos concellos para subvencionar actuacións urbanísticas que melloren a contorna e os equipamentos
Nunha conversación entre a conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, a titular de Territorio avanzou que se creará unha liña de axudas para concellos de menos de 50.000 habitantes destinada a proxectos para a humanización de espazos públicos.
Para conseguir a axuda de 2,3 millóns de euros e facer realidade o proxecto de renovación do parque infantil da Lagoa, o executivo de Campo Lameiro debe presentar unha solicitude seguindo os criterios da dirección técnica da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio, cuxos técnicos están ao dispor dos solicitantes para prestar asesoramento.
A intención do equipo de goberno de Costa é converter a parcela da Lagoa nun espazo público que cumprirá coas necesidade de zonas de lecer e esparexemento que os cidadáns de Campo Lameiro merecen.
Desde a consellería aseguran que o proxecto cumpre cos obxectivos que persegue esta liña de acción, que son o de mellorar os equipamentos e dotacións, aumentar a variedade dos servizos e conseguir unha oferta de calidade e adecuada ás necesidades da poboación para incrementar o atractivo das vilas e núcleos rurais de Galicia.