Pontevedra impulsa un Laboratorio da Infancia para promover unha vida saudable
Por Alejandro Espiño
Promover talleres de educación e concienciación medioambiental, práctica deportiva, sustentabilidade, economía circular e vida saudable. É o obxectivo do Laboratorio da Infancia que quere impulsar o Concello de Pontevedra.
Esta iniciativa, que nacerá baixo a coordinación do departamento municipal de Educación, forma parte dos proxectos incluídos na programación aprobada polos fondos europeos.
Para afrontar este proxecto, que vén de saír a licitación, contratarase unha asistencia técnica que permita fomentar, en colaboración cos servizos municipais, un plan de acción para a infancia e o Laboratorio da Infancia, así como o deseño e a execución de accións directas.
Ambas iniciativas, segundo o concelleiro de Educación, Tino Fernández, vanse a impulsar de xeito "dinámico" e cunha alta participación das familias, os diversos actores sociais e os axentes educativos e pedagóxicos expertos nesta área.
Terá como criterios internos fundamentais os da igualdade de xénero entre mulleres e homes, a igualdade de oportunidades e a inclusión social, a sustentabilidade, a promoción das liberdades individuais e dos dereitos humanos e sociais, o comportamento social, a análise crítica, o razoamento e o coñecemento, así como o fomento da innovación.
Dentro deste avance fixaranse os obxectivos que se consideren estratéxicos e as liñas de acción para lograr as mellores condicións para os menores.
O plan de acción deberá dar prioridade a todas aquelas accións e liñas que redunden en melloras de colectivos infantís especialmente desfavorecidos a nivel local, posibilitando a execución inmediata de accións que permitan unha mellor inclusión social e igualdade de oportunidades de todos.
En segundo termo, e en paralelo, quérense implementar accións directas que sirvan de ferramenta de arranque ás dinámicas participativas do Laboratorio da Infancia.
Dentro do obxectivo de educación e concienciación ambiental, sustentabilidade e economía circular, promoveranse talleres que expliquen os valores do mundo rural, mediante a visita guiada aos parques forestais de Pontevedra.
No que atinxe á educación e concienciación deportiva, potenciaranse os recursos deportivos en conxunción cos naturais, con talleres vencellados á práctica deportiva e á vida saudable, entre eles con remo ou piragüismo no Lérez ou a escalada no Multiusos da Xunqueira.
Entre ambas iniciativas, o goberno municipal prevé investir algo máis de 133.000 euros.
Relacionadas:
-
O Laboratorio da Infancia programa actividades saudables para escolares
Por Redacción |
-
Activan as actividades para escolares que organiza o Laboratorio da Infancia
Por Redacción |
-
Dúas empresas da cidade xestionarán o Laboratorio da Infancia de Pontevedra
Por Redacción |
-
O proxecto do Laboratorio da Infancia esperta o interese de empresas de Pontevedra e foráneas
Por Redacción |
-
A pandemia centra e condiciona a celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia
Por Manu Otero |
-
O "Laboratorio da Infancia" promoverá talleres sobre valores, visitas a parques forestais, piragüismo e escalada
Por Redacción |