Pechan ao marisqueo parte do banco dos Praceres pola presenza de restos de combustible
Por Redacción
A aparición de restos de combustible que proceden de terra levou ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia a decretar o peche preventivo dunha zona marisqueira dos Praceres, na parroquia pontevedresa de Lourizán.
En concreto, a área afectada é a zona sur do banco dos Praceres, a máis próxima á costa.
O servizo de Gardacostas de Galicia está a facer labores de limpeza dos restos de combustible existentes na zona e activou o Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental de Galicia no nivel mínimo de emerxencia, na denominada como situación 1.
Este feito foi comunicado pola Consellería do Mar á Delegación do Goberno en Galicia que, ao igual que a Autoridade Portuaria de Marín, ten activado o seu Plan Interior Marítimo.
Nestes momentos atópase na zona o buque Irmáns García Nodal e unha das súas embarcacións auxiliares está a realizar labores de contención e limpeza na área máis próxima á costa co obxectivo de controlar os restos de hidrocarburos que se observan na zona.