Falece o avogado Ernesto Baltar Feijoo, presidente do Liceo Casino entre 1981 e 1984
Por Redacción
Nas últimas horas falecía unha persoa moi coñecida en Pontevedra, o avogado Ernesto Baltar Feijoo, fillo do xuíz Ernesto Baltar Santaló. Perdía a vida aos 77 anos de idade como consecuencia dun cancro.
Ernesto Baltar, nacido en Padrón, era unha persoa moi afable e querida na cidade do Lérez onde exerceu a súa carreira profesional. Contou cunha destacada carreira política desde os seus inicios en Democracia Cristiana, pasando polo Partido Galeguista e por Coalición Galega, agrupación pola que foi candidato ao Congreso pola provincia de Pontevedra no ano 1986.
Posteriormente ocupou o cargo de concelleiro en Pontevedra desde o ano 1987 da man da formación Alianza Popular e foi portavoz deste partido no Concello de Pontevedra. Formou parte do goberno do alcalde do PP Javier Cobián entre 1991 e 1995. Tamén participou como vogal da comisión de calidade do Consello Social da Universidade de Vigo.
Entre os anos 1981 e 1984 ocupou a presidencia do Liceo Casino e asumiu a xestión da reconstrución da sede social despois do incendio que se produciu e que esnaquizara tamén o Teatro Principal. O Liceo Casino nomeouno Socio de Honra en 2015.
O cortexo fúnebre vai desenvolverse este mércores 27 ás 18.30 horas, desde o Tanatorio Pontevedra en San Mauro. A súa incineración será na intimidade familiar.