Unha parella resulta ilesa malia que a furgoneta en que viaxaba saía da vía e envorcaba na Lanzada
Por Redacción
Unha saída de vía terminou cunha furgoneta envorcada sobre os areais das marismas da Lanzada, na zona do Bao no municipio do Grove. O accidente producíase ao redor das 16.00 horas deste martes 26.
Unha parella viaxaba no vehículo e perdía o control nunha rotonda. A furgoneta terminaba envorcada lateralmente e os dous ocupantes non ofrecían danos de gravidade. Segundo relata o Diario de Arousa foi necesario que outros condutores e axentes da Policía Local rompesen o parabrisas para que a parella, residente en Vilanova de Arousa, abandonase o vehículo.
Ata o lugar desprazábanse efectivos de Emerxencias do Grove, de Sanxento, ademais dunha ambulancia do 061 e axentes da Garda Civil e da Policía Local do Grove.