Feijóo alerta de que a progresión do virus "preocupa" porque Galicia ten "menor inmunidade"
Por Natalia Puga
"En Galicia estamos máis expostos", alertou este mércores o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Nunha comparecencia no Parlamento galego para dar conta da xestión da pandemia, recoñeceu que a progresión do virus "preocupa" na comunidade porque a poboación chega a esta terceira onda cunha "menor inmunidade" ao ter menos circulación da covid-19 nas dúas ondas anteriores.
Feijóo compareceu a petición do BNG e expuxo a situación actual da evolución da covid-19 e a previsión para as próximas semanas, argumentando que as novas restricións que se aplican a partir deste mércores son necesarias por esa porcentaxe menor de persoas que pasou a enfermidade e, por tanto, están inmunizadas e porque as novas cepas "están afectando e a previsión é que sigan aumentando".
A situación epidemiolóxica galega non deixa motivo para o optimismo, pois tal e como lembrou o responsable da Xunta, aínda que Galicia é a comunidade con menor mortalidade por 100.000 habitantes, as UCI xa teñen os mesmos pacientes que no pico da primeira onda e "estamos a pasar un momento de enorme dificultade".
Na súa comparecencia, Feijóo pediu o apoio do resto de administracións para "acordar unha folla de ruta na que todos aportemos os recursos" e anunciou algunhas das peticións que trasladará a Pedro Sánchez o vindeiro venres durante unha reunión na Moncloa. Entre outras cuestións, avanzou que lle propoñerá impulsar un "consenso nacional" sobre o teletraballo e o uso " obrigatorio" dás máscaras FFP2 en determinados contextos.
Ademais, insistirá ante o presidente do Goberno en flexibilizar o toque de queda -a súa petición desde hai semanas é adiantalo ás 20.00 horas-. Neste punto, lembrou que "a gobernanza que se ten delegado nas comunidades non pode ser unha gobernanza de papel" e pediu que "se temos as responsabilidades, temos que ter os instrumentos para exercelas".
Outro dos asuntos para abordar será o plan de vacinación fronte á covid-19, e lembraralle que Galicia, no caso de que se conseguisen as vacinas necesarias, estaría preparada para lograr a inmunidade do total da poboacion en 8 ou 10 semanas e que teñen a capacidade para poñer en dúas horas as vacinas que se reciben cada semana.
Pedirá, de novo, unha repartición máis xusta das doses, pois Galicia ten o 5,7% da poboación de España e só recibe o 5% das vacinas. De recibir o mesmo porcentaxe, habería máis de 9.000 cidadáns máis vacinados. Ademais, expón que se existise un calendario definido con antelación, sería de "gran axuda" para que as comunidades puidesen organizarse mellor e, sobre todo, "para a confianza dos cidadáns".
Feijóo pediu que a vacina "chegue de maneira homoxénea" e puxo como exemplo que o seguinte grupo que está sobre a mesa para a súa vacinación é o dos maiores de 80 anos, de modo que a subministración "debería facerse en porcentaxe equivalente a esta poboación diana". Desta forma, se Galicia ten o 8,2% de maiores de 80 de toda España, " tería que recibir o 8,2% das vacinas". En caso de non facerse, estaríase a "penalizando a esta poboación".
O presidente autonómico tamén aproveitou para anunciar a ampliación de 50 a 75 millóns de euros o segundo Plan de rescate para autónomos, microempresas e hostalería e explicou que, con estes fondos adicionais, a Xunta terá achegado, en total, máis de 150 millóns de euros.
Relacionadas:
-
Ata 31.000 galegos recibiron xa as dúas doses da vacina contra a covid-19
Por Redacción |
-
Galicia manterá "de momento" o calendario de vacinación e descartan problemas para poñer a segunda dose
Por Natalia Puga |
-
Catro municipios da área sanitaria superan os 1.000 casos de incidencia acumulada
Por Alejandro Espiño |
-
A área sanitaria, desbordada: 2.022 casos activos de covid-19 e 134 hospitalizados tras 165 novos contaxios
Por Alejandro Espiño |
-
A "unidade de convivencia ampliada", unha solución da Xunta para as persoas que viven soas
Por Oskar Viéitez |