Estudantes de 21 centros escolares da provincia participan en Depoemprende 2021
Por Redacción
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a deputada de Promoción Económica, Raquel Giráldez, reuníronse este mércores de xeito telemático con representantes de 22 cooperativas que participan na quinta edición de DepoEmprende, unha iniciativa que promove dinámicas de traballo que fomenten o emprendemento no marco do sistema educativo.
A presidenta provincial puxo en valor a celebración deste tipo de encontros xa que deles "saen ideas moi boas que para nós serán un exemplo a seguir ". Destacou tamén o "compromiso cos valores" que adquire o alumnado que participa na iniciativa que amosa "o compromiso cunha cidadanía que cre no ben común".
Neste primeiro trimestre do curso escolar, os participantes traballaron na constitución das súas cooperativas elixindo o nome da mesma, un logo, redactando as actas de constitución e estatutos das cooperativas ou formulando os organigramas das mesmas. No segundo trimestre o alumnado está a realizar estudos de mercado, elixindo os produtos que fabricarán e analizando a lista de provedores de produtos.
Das presentacións realizadas este mércores compre destacar o carácter democrático da constitución das cooperativas así como a venda e distribución de produtos reciclados e artesanais poñendo sobre a mesa o compromiso das xeracións futuras co medio ambiente.
Ademais, a crise derivada da covid-19 tamén se atopa moi presente nos proxectos do alumnado que está a idear solucións para facer máis doado o día a día cumprindo coas medidas de sanitarias de seguridade.
Ao primeiro encontro acudiron as doce cooperativas que se formaron este ano no seo de "DepoEmprende na Escola", programa no que están a participar 330 alumnos. Entre os centros participantes están o CEIP Plurilingüe de Carballedo de Cerdedo-Cotobade, CEIP Santo André de Xeve de Pontevedra, CEE Pontevedra, CPI A Xunqueira Nº1 de Pontevedra e o CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia.
No segundo encontro participaron dez cooperativas pertencentes ao programa "DepoEmprende na ESO", que este ano conta con 80 alumnos de centros coma o IES Luis Seoane de Pontevedra ou o IES Illa de Ons de Bueu, entre outros.