Caldas emprende un zafarrancho de eliminación de carteis de obra esquecidos
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis comezou coa retirada dos valados de obra presentes no municipio e que nalgúns casos chegan a ter unha antigüidade de vinte anos.
Esta actuación consiste na retirada dos vellos carteis de obras públicas xa finalizadas para lograr, deste xeito, unha mellora e protección das condicións paisaxísticas do municipio. Os traballos están sendo desenvolvidos polo servizo municipal de Obras, que xa retirou uns trinta paneis tanto en zonas urbanas como rurais.
A intervención continuará ata eliminalos todos, que fontes municipais calculan nuns cincuenta.
Como explica o concelleiro de Obras e Infraestruturas, Manuel González, "con este proxecto queremos dar un paso máis na visión proxectada por Caldas de Reis como municipio referente no coidado da súa paisaxe, da súa contorna urbana e rural e dos seus espazos naturais". Tamén apunta a que "con esta iniciativa anticipámonos ás directrices marcadas pola Xunta en materia de paisaxe que, entre outras cousas, implican a eliminación destes elementos".
Manuel González informa que moitos destes valados levan ata vinte anos presentes anunciando obras e proxectos que finalizaron xa hai moito tempo. "Moitos destes paneis están tan deteriorados polo paso do tempo que xa non se lles le nin o texto", engade o concelleiro.
"A presenza destes anuncios vellos e estragados transmite sensación de abandono e desidia, polo que cremos que a súa eliminación é un acerto e contribuirá de maneira clara á mellora dos nosos espazos rurais e urbanos, así como da nosa imaxe como concello", explica.
Ao longo do proxecto estanse retirando carteis correspondentes a todas as administracións: Xunta, Concello e Deputación, sendo os desta última os máis presentes debido a que é a Deputación de Pontevedra a institución que máis inversións realizou en Caldas durante os últimos anos.
O alcalde, Juan Manuel Rey, manifestaba que que en Caldas de Reis "queremos ser un municipio paisaxísticamente recoñecido, singular e innovador" por iso "eliminar os elementos que contribúen ao denominado feísmo é unha cuestión que consideramos prioritaria e na que seguiremos traballando ao longo de todo o mandato", sinalaba o rexedor.