Sanidade convoca a 9.000 veciños de Poio para o cribado que fará na Seca
Por Oskar Viéitez
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) comezará este venres 29 de xaneiro o cribado para 9.000 veciños de Poio na Seca, na parroquia de San Xoán.
O importante número de persoas chamadas a facer esta proba fará que o proceso de toma de mostras se prolongue durante varias xornadas. Así o confirmou a delegada territorial da Xunta, Luisa Piñeiro, nunha entrevista coa xornalista Susana Pedreira en Onda Cero Pontevedra.
A comisión de seguimento da covid-19 no Concello de Poio volveu a reunirse na mañá deste mércores para dar conta das actuacións e medidas que se están a implantar no Concello, a maiores das restricións xa implantadas pola Xunta de Galicia. Poio conta este mércores con 410 casos activos, 19 máis ca onte.
Ademais, a comisión tamén avanzou na elaboración dun bando que se dará a coñecer entre a poboación, no que se incluirá esta información e se redundará na necesidade de que se participe no cribado.
Neste sentido, o alcalde, Luciano Sobral, lembra que será o propio departamento da Consellería de Sanidade quen se poña en contacto cos veciños, que para acudir a facer a proba contarán con cita previa.
O rexedor fai un chamamento á cidadanía para que cumpran coas instrucións que lles dean as autoridades sanitarias e redunda na necesidade de que tomen parte neste cribado o maior número de persoas posibles.
A Policía Local e Protección Civil desenvolverán un operativo de tráfico e seguridade, para garantir o tránsito rodado e evitar aglomeracións nas inmediacións do ximnasio da Seca, que será onde se realicen as probas.
Por outra banda, o Concello de Poio activa unha nova liña telefónica, posta a disposición da cidadanía para resolver dúbidas relacionadas coas medidas e cuestións relativas á pandemia. O número é o 604065517. Ademais, lémbrase que permanecen operativos servizos como o de recollida de lixo ou compras de medicinas e alimentos a persoas infectadas ou en corentena que non dispoñen de familiares ou achegados a quen acudir.
A día de hoxe, Protección Civil, Policía Local e os operarios municipais están realizando estas tarefas nunhas 30 vivendas aproximadamente. Servizos Sociais mantén activo, asemade, o programa ‘Ata máis ver’, a través do cal se mantén contacto telefónico de xeito regular con persoas maiores que viven soas. As persoas interesadas poden poñerse en contacto coa Casa Rosada no 986770001.
Relacionadas:
-
Masiva asistencia da veciñanza de Poio ao cribado organizado por Sanidade na Seca
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
O cribado de Poio será con mostras de saliva e só para a os que teñan tarxeta sanitaria no municipio
Por Oskar Viéitez |
-
Os pacientes na UCI soben a 17 nunha xornada con 2.154 casos activos e 187 novos contaxios
Por Alejandro Espiño |
-
Catro homes de entre 76 e 86 anos, novas vítimas da covid-19 en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Sanidade fará un cribado masivo na poboación de 40 a 79 anos de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O Sergas fará un cribado xeral en Poio diante do avance da covid-19
Por Oskar Viéitez |