Só Santiago ten unhas tarifas de taxi máis caras que Pontevedra en Galicia
Por Redacción
Os taxis de Pontevedra están entre os máis caros de España. E en Galicia, só os composteláns teñen unhas tarifas máis custosas que as da Boa Vila. Un estudo elaborado por Facua a través dunha comparativa de 56 cidades, sitúa á cidade do Lérez no posto número 12 das urbes co servizo de transporte indivual máis disparado.
A clasificación encabézana Tarragona, San Sebastián e Vitoria, mentres que Santiago de Compostela aparece no posto oitavo. Despois da capital pontevedresa, as seguintes cidades galegas nesta escala son Ourense e Lugo, no posto 15 e 16 respectivamente. Vigo é décimo novena e A Coruña, vixésimo primeira.
En moitas das cidades analizadas, as tarifas actualizáronse recentemente, aínda que non ocorreu así en Pontevedra, que permanece no alto da táboa a pesar de non ter modificado os seus prezos, que subiron de media un 0,8 % no conxunto do país.
Dada a complexidade e variedade das tarifas aplicadas en cada cidade, para elaborar o estudo, Facua baseouse na simulación de nove percorridos distintos en cada cidade. Neste sentido, calculouse e asignouse unha puntuación ao prezo dun percorrido dun quilómetro (ou a carreira mínima tarificada en cada cidade), outro de cinco e outro de dez quilómetros, en horario diúrno, nocturno e de fin de semana.
A pesar de ocupar un dos postos altos da clasificación, Pontevedra tamén destaca no prezo da carreira mínima. O prezo máis baixo que se paga ao subirse a un taxi en Pontevedra é de 2,09 euros, o que sitúa á capital pontevedresa como segunda máis barata de España neste ámbito. Mesmo lugar que ocupa se se ten en conta a tarifa nocturna, de fin de semana ou festivos (2,32 euros).
O prezo por quilómetro en Pontevedra é de 1,03 polo día e 1,40 pola noite, mentres que por cada hora de espera o taxista percibirá 19,25 euros. Ademais, a normativa recolle un suplemento de 0,54 euros por levar equipaxe.
As cidades máis baratas son As Palmas e Ceuta, mentres que en chan peninsular Cädiz é a máis alcanzable.