O xurado declara non culpable ao policía de Vilagarcía acusado de suborno
Por Natalia Puga
Non culpable. Este é o veredicto emitido na noite deste mércores polo tribunal popular que desde o luns xulgou na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra a un policía local de Vilagarcía acusado dun delito de suborno por pedir diñeiro a un condutor a cambio de non tramitar un atestado por alcoholemia.
As sesións do xuízo terminaron o martes e na mañá deste mércores, os membros do xurado encerráronse a deliberar. Tras toda a xornada encerrados con deliberacións, ás 21.30 horas da noite fixeron pública a súa decisión, non culpable.
Á vista desta decisión, a maxistrada da Audiencia que presidía o tribunal ditará necesariamente unha sentenza na que absolva ao axente.
A propia Fiscalía, que empezou o xuízo pedindo para o acusado unha condena a catro anos e medio de prisión e nove de inhabilitación, xa admitiu ao termo do mesmo que "no tenemos pruebas directas" contra o acusado, Marcial D. F.. A pesar de todo, mantivo a acusación, que na noite deste mércores, tras o veredicto de non culpabilidade, retirou. Tras escoitar a decisión, tanto a fiscal como o avogado defensor xa pediron a absolución do axente.
A acusación cambaleouse xa na primeira sesión do xuízo, o luns, cando a testemuña principal do caso, un home que asegurou que pagou 2.000 euros ao axente tras ese suborno, fixo gala de mala memoria e non lembraba absolutamente nada dos feitos que no seu día denunciara ante a Comisaría da Policía Nacional.
A fiscal recoñeceu a "dificultad enorme" que supuxo para a acusación pública soster a súa tese acusatorio tras a declaración desa testemuña e a súa nai, que tampouco lembraba nada. A fiscal sostén que acudiu ao xuízo para "mentir descaradamente". "Con la mayor desfachatez del mundo dice que no se acuerda", cuestionou.
O avogado da defensa xa insistiu o primeiro día que non había ningunha proba contra o acusado e, tras o xuízo, reiterou que "la fiscal no tiene ni el más mínimo elemento probatorio".
O acusado fixo uso do seu dereito á última palabra para dirixirse ao xurado popular e desculparse pola vehemencia coa que declarou na vista oral e xustificar que "levo 7 anos con isto. Póñanse tres minutos na miña situación. Pídolles desculpas se me excedín". Xa na súa declaración negou rotundamente os feitos.
A Fiscalía sostiña que na madrugada do 12 de setembro de 2013 fixo con outro compañeiro unha proba de alcoholemia a un condutor que deu resultado positivo e, dez días despois, compareceu na súa casa e ofreceuse a non tramitar o expediente polo delito de condución baixo os efectos de bebidas alcohólicas a cambio do pago de 5.000 euros. Finalmente, pagoulle 2.000 euros, e pouco despois denunciou na Comisaría.
Relacionadas:
-
Absolven o policía de Vilagarcía acusado de suborno e declarado "non culpable" polo xurado
Por Natalia Puga |
-
A Fiscalía admite que carece de probas directas contra o policía vilagarcián acusado de suborno
Por Oskar Viéitez |
-
A mala memoria da testemuña principal cambalea un xuízo contra un policía acusado de suborno
Por Natalia Puga |
-
Aprazan un xuízo con xurado contra un policía acusado de suborno por sospeitas dun caso de covid-19
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Os policías de Vilagarcía investigados por suborno deixan de tramitar atestados
Por Redacción |
-
Quedan en liberdade dous policías locais de Vilagarcía detidos por suborno
Por Redacción |