Sanxenxo ultima un Entroido telemático con "chiscadelas" ás súas festas máis "retranqueiras"
Por Redacción
A covid-19 impediu que celebremos o entroido na rúa, pero non acabou co seu espírito. Os concellos non queren renunciar a esta tradicional festa pero, debido ás restricións, están a optar por programacións alternativas ou telemáticas.
É o caso, entre outros, de Sanxenxo. O departamento de Cultura ultima un Entroido que será "diferente", segundo a edil Paz Lago. Todo o protagonismo será para a creatividade dos centros educativos, as asociacións e os veciños, a través das redes sociais municipais.
Unha das principais actividades, que se desenvolverán entre os días 15 e 21 de febreiro, será o concurso de "Confiparodias", que repartirá uns 2.100 euros en vales de compra para trocar no comercio e na hostalería local.
"Trátase de manter unha tradición, adaptandoa a actual realidade, premiando a creatividade, pero tamén de colaborar co tecido económico do municipio", explica Paz Lago.
Os participantes deberán gravar vídeos dun minuto como máximo facendo gala do seu espírito de Entroido. Haberá dúas categorías: infantil, para menores de 13 anos; e adulto e mixto, con dúas modalidades diferentes, individual ou parella e tres ou máis persoas.
Un xurado avaliará todos os vídeos, que se expoñerán nas redes sociais do Concello. O público tamén poderá votar polo seu favorito a través de Facebook.
Os centros educativos, pola súa banda, tamén participarán neste Entroido telemático.
Desde o día 15 ata o 21 colgaranse álbums fotos e vídeos das actividades realizadas nos distintos colexios que axudarán a manter viva a celebración e a mostrar a creatividade e esforzo das comunidades educativas.
Tampouco faltarán as chiscadelas ás celebracións máis "retranqueiras" do Entroido.
As organizacións do Enterro da Sardiña, o Enterro da Cabra e a Festa do Ghato atópanse en plena preparación de vídeos e imaxes que se colgarán no Facebook municipal, coincidindo coas datas tradicionais dos eventos o 17, 19 e 20 de febreiro.
Relacionadas:
-
2.100 euros en vales a repartir entre os gañadores do Concurso do Entroido Dixital
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
Vilagarcía non terá Entroido presencial e traslada a celebración ás redes sociais
Por Redacción |
-
Vilaboa suspende o Entroido de Cobres pola pandemia
Por Redacción |
-
Ravachol, 'confinado' na casa: Pontevedra renuncia á súa programación alternativa de Entroido
Por Alejandro Espiño |
-
Poio queda sen Entroido, cancelado pola covid-19
Por Redacción |