A metade dos núcleos rurais de Cuntis contan xa con internet de alta velocidade
Por Redacción
A conexión a Internet de banda ancha de alta velocidade esténdese polo rural de Cuntis. O encontro mantido este venres entre o alcalde Manuel Campos e o responsable de Telefónica, compañía concesionaria da fibra óptica nas parroquias de Cuntis, serviu para facer balance da campaña de mellora da rede, da que se benefician xa o 50% dos núcleos rurais do municipio.
Os traballos continuarán durante todo o ano ata conseguir dotar de conexión ultrarrápida a todas as parroquias de Cuntis.
Os próximos núcleos que verán mellorado este servizo serán os de Loureiro de Arriba, Loureiro de Abaixo, Couselo e Portela. As obras xa están en marcha e nos próximos días toda a poboación destas localidades xa poderá gozar deste servizo.
O Concello calcula que a extensión da rede ultrarrápida chegará a 61 núcleos das oito parroquias de Cuntis grazas á subvención Programa Estatal 2019 financiado a través do Fondo Europeo Agrícola para deplegar a fibra óptica antes do final do 2021.
"As conexións son de 100 megas, unha velocidade moi competitiva que hai poucos anos era totalmente impensable en zonas do rural", destaca o rexedor, quen considera que "avanzar en materia de novas tecnoloxías foi un compromiso que adquirimos no goberno e que imos facer realidade. Unha boa conexión a Internet en calquera punto é imprescindible na actualidade para manter os servizos e fixar poboación e emprego en concellos rurais", rematou o alcalde.
Relacionadas:
-
Cuntis, cada vez máis conectado: expande Internet de alta velocidade cunha rede neutra
Por Redacción |
-
Un setembro con moita actividade na aula CeMIT de Cuntis
Por Redacción |
-
Cuntis fomenta o comercio dixital para atraer clientes ás tendas locais
Por María José Pita |
-
Todo o rural de Cuntis terá acceso ultrarrápido a internet en 2021
Por Redacción |